Rebuldeira Teatro opta a dous Premios FETEAGAL Manuel Lourenzo por ‘Vermello’

O grupo Rebuldeira Teatro, de Sarria, foi nomeado aos I Premios FETEAGAL Manuel Lourenzo grazas á súa obra Vermello, que competirá en dúas categorías: Mellor Espectáculo Costumista e Mellor Guión Orixinal.
Estas candidaturas supoñen un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola compañía sarriá, que leva anos impulsando o teatro afeccionado e participando activamente na vida cultural do municipio e da comarca.
Desde Rebuldeira Teatro destacaron que detrás destas nomeacións hai meses de ensaios, esforzo, ilusión e dedicación por parte dun grupo de persoas unidas pola súa paixón polas artes escénicas. A compañía considera que formar parte das candidaturas xa constitúe un importante premio e un recoñecemento á súa traxectoria.
O colectivo quixo agradecer tamén o apoio recibido do público ao longo das diferentes representacións, así como o respaldo de todas aquelas persoas que seguiron e animaron o proxecto durante os últimos anos, contribuíndo ao seu crecemento.
Rebuldeira Teatro felicitou ademais ao resto de compañías nomeadas nesta primeira edición dos galardóns, destacando que compartir candidatura con outras formacións do panorama teatral galego constitúe xa unha honra.