Samos acollerá un seminario sobre os efectos dos incendios e o futuro dos territorios de alto valor natural

SarriaXa
A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza o encontro o 28 de novembro no marco do proxecto de conservación do Monte de Toca, en colaboración coa Cruz Vermella
Asociación-Galega-de-Territorio-Monte-de-Toca-Samos
12 Nov 2026

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) organizará o sábado 28 de novembro un seminario no Monte de Toca, en Samos, para reflexionar sobre os efectos dos incendios forestais nos territorios de alto valor natural e os retos que afronta o medio rural nun contexto de cambio global. O encontro desenvolverase entre as 10:00 e as 14:15 horas, aproximadamente, na antiga Biblioteca de Samos, situada na rúa da Torre, número 7.

A iniciativa enmárcase nas actividades que a asociación está a desenvolver no Monte de Toca a través dun convenio coa Cruz Vermella, co obxectivo de dar a coñecer o valor natural deste espazo. A xornada abordará as consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas dos incendios, así como a necesidade de avanzar cara a modelos de xestión territorial máis resilientes, que compatibilicen a conservación da biodiversidade co desenvolvemento sostible das comunidades rurais.

Entre os temas que se tratarán figuran o impacto do lume nos ecosistemas, o abandono da actividade agraria e a transformación da paisaxe rural nas últimas décadas. Tamén se analizará o papel da gandería extensiva e doutras prácticas tradicionais sostibles no mantemento de hábitats en mosaico, na conservación da biodiversidade e na redución do risco de grandes incendios.

O seminario prestará especial atención ás oportunidades de desenvolvemento rural vinculadas á conservación da natureza, á valorización dos recursos locais e ao impulso de modelos produtivos sostibles. Está dirixido principalmente á poboación do territorio, aínda que tamén a profesionais da xestión ambiental e forestal, do sector primario, da investigación, das administracións públicas e á cidadanía interesada no futuro do medio rural.

O programa comezará ás 10:00 horas coa recepción das persoas participantes e a apertura do encontro. Ás 10:15 horas terá lugar a intervención 'Comprometidos co Monte de Toca: participación social e conservación do territorio', a cargo da Cruz Vermella e da AGCT. A continuación, ás 10:30 horas, Alba Geada e Mar Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abordarán os cambios no territorio desde mediados do século XX e as novas dinámicas socioambientais.

Ás 11:30 horas, Boris Hinojo, de 3edata, falará sobre os novos mecanismos de valorización da natureza en montes de alto valor ambiental. Despois dunha pausa para o café ás 12:15 horas, a xornada continuará ás 12:45 horas cunha mesa redonda titulada 'Xente a favor do territorio e fronte aos lumes: experiencias locais en primeira persoa'.

0.15482306480408