Samos acollerá unha charla sobre os dereitos sanitarios no final da vida e o testamento vital

SarriaXa
A Asociación Dereito a Morrer Dignamente busca informar á cidadanía sobre as ferramentas legais que permiten expresar a vontade persoal ante situacións médicas futuras
Biblioteca-Samos
8 Jun 2026

A Asociación Federal Dereito a Morrer Dignamente (DMD) organizará en Samos unha charla informativa baixo o título “Dereitos sanitarios do final da vida: o Testamento Vital”, unha actividade aberta ao público que terá lugar o xoves 18 de xuño ás 20:00 horas na Antiga Biblioteca da localidade.

A sesión será impartida por Isabel Blanco e Antón Ocampo, integrantes de DMD Galicia, quen abordarán diferentes aspectos relacionados cos dereitos das persoas no tramo final da vida, así como o funcionamento e a utilidade do documento de instrucións previas, coñecido popularmente como testamento vital.

A iniciativa pretende ofrecer información sobre os mecanismos legais existentes para que cada persoa poida deixar reflectidas as súas preferencias respecto aos tratamentos sanitarios e ás decisións médicas que desexa recibir ou rexeitar no caso de non poder expresarse por si mesma.

Entre os obxectivos da asociación atópase a defensa do dereito de todas as persoas a decidir libremente sobre o seu propio corpo e a súa vida, incluída a capacidade de elixir o momento e os medios para poñerlle fin. A entidade tamén reivindica, de maneira especial, o dereito das persoas con enfermidades terminais ou irreversibles a morrer sen sufrimento cando así o manifesten de forma expresa.

A charla forma parte das accións divulgativas que DMD desenvolve para promover o coñecemento dos dereitos sanitarios e fomentar o debate social arredor da autonomía persoal e a dignidade no final da vida.

0.11793303489685