Samos celebra un ano da recuperación da súa feira mensual

SarriaXa
O Concello conmemora o primeiro aniversario dunha cita que recupera unha tradición desaparecida hai máis de seis décadas e que busca reforzar a vida social e comercial do municipio
Feira-mensual-Samos
30 May 2026

O Concello de Samos celebrará o vindeiro 4 de xuño o primeiro aniversario da recuperación da súa tradicional feira mensual, unha cita que se organiza cada mes coincidindo co día 4 e que permitiu recuperar un costume desaparecido desde hai máis de 60 anos.

O goberno local decidiu recuperar a data na que antigamente se celebraba a feira da parroquia de Castroncán, escollendo o día 4 de cada mes para evitar coincidir con outras feiras de municipios próximos. Hai décadas, veciños e visitantes acudían á capitalidade municipal os días 1 e 15 de cada mes, nunha tradición que acabou desaparecendo co paso do tempo.

Na actualidade, a feira celébrase no campo da festa e mantén como principal atractivo a presenza da polbería, que permite ás persoas asistentes compartir unha comida e converter a xornada nun momento de encontro social. A cita continúa contando coa colaboración da Pulpería Neira, encargada de servir o polbo en cada edición.

Ademais da oferta gastronómica, a feira acolle diferentes postos de venda ambulante que varían segundo o mes. Entre eles hai propostas de embutidos, artesanía, froita, calzado ou roupa, coa intención de seguir ampliando progresivamente a participación de comerciantes.

A alcaldesa de Samos, Chus López, explicou que antes de recuperar a feira foron preguntando á veciñanza pola antiga tradición mensual, aínda que “ninguén tiña constancia, porque 60 anos son moitos”. A rexedora considera que “era unha mágoa que nós, tendo o concello tan bonito que temos, non puidésemos contar cunha feira mensual como noutros concellos”.

Tamén o presidente da Asociación de Comerciantes e Profesionais de Artesanía, José Fernández, puxo en valor a recuperación desta feira polo impacto positivo que ten na vida social do municipio e confiou en que co paso do tempo continúen incorporándose novos postos.

Coincidindo coa celebración deste aniversario, organizaranse tamén unhas lambiscadas científicas centradas nas enfermidades transmitidas por carrachas, co obxectivo de dar a coñecer os seus riscos e as medidas de prevención. As actividades desenvolveranse ás 10.00 horas no CEIP de Samos e ás 12.00 horas no campo da feira.

Durante esa mesma xornada tamén participará Cruz Vermella co programa ‘Redes que cuidan’, unha iniciativa de intervención sociocomunitaria en contornas rurais coa que se realizarán actividades de información e acompañamento dirixidas especialmente ás persoas maiores do municipio.

0.1133668422699