Samos combina gastronomía e cultura coa XV edición do Concurso de Tapas e a apertura dunha nova sala multiusos

Samos vivirá unha fin de semana con propostas gastronómicas e culturais. Os días 24 e 25 de outubro celebrarase a XV edición do Concurso de Tapas, ao que se suma a inauguración da nova sala multiusos, prevista para este sábado, día 24, ás 18:30 horas.
O concurso permitirá achegarse aos establecementos participantes para degustar as propostas elaboradas para a ocasión, nunha nova edición dunha iniciativa que busca dinamizar a hostalaría local.
A programación completarase coa apertura da nova sala multiusos, que levará o nome de Yolanda Díaz Gallego, activista cultural con raíces no municipio. Durante o acto, que terá lugar no campo da festa, presentarase tamén o libro "Teatro. Tres Obras en Lingua Galega", un compendio de obras da autora.