Samos impulsa ‘Memoria viva’, un obradoiro para persoas maiores centrado no recordo e a estimulación cognitiva

SarriaXa
A actividade, gratuíta e aberta á participación, desenvolverase todos os mércores de xullo e agosto nas vivendas comunitarias da capitalidade
Concello-de-Samos-praza-Fiz-Vergara
23 Jun 2026

O Concello de Samos pon en marcha a partir de xullo unha nova iniciativa social baixo o nome de ‘Memoria viva’, un espazo pensado para lembrar, conversar e compartir experiencias vitais dirixido a persoas maiores de 60 anos.

A actividade desenvolverase todos os mércores, en horario de 11.30 a 13.00 horas, desde o 1 de xullo ata o 26 de agosto, nas vivendas comunitarias da capitalidade. Trátase dunha proposta totalmente gratuíta e aberta á participación de calquera persoa interesada, que busca fomentar a socialización e o benestar emocional das persoas maiores do municipio.

‘Memoria viva’ preséntase como un obradoiro participativo no que se traballarán lembranzas da infancia, festas parroquiais, antigos oficios, músicas de época e historias persoais que forman parte da memoria colectiva da veciñanza. O obxectivo é manter a mente activa nun ambiente dinámico e de convivencia.

A iniciativa contará coa dirección de Miriam López Mata, quen, como alumna en prácticas de Educación Social da Universidade de Vigo, será a encargada de desenvolver actividades de estimulación cognitiva dirixidas ás persoas participantes.

0.08198094367981