Samos impulsará unha formación gratuíta para mellorar a atención e o coidado de persoas maiores e dependentes

O Concello de Samos organizará o vindeiro 27 de xullo a actividade formativa gratuíta "Coidar con agarimo", unha iniciativa destinada a persoas que coidan de familiares maiores ou dependentes, así como a todas aquelas interesadas en adquirir coñecementos e habilidades para mellorar a atención e os coidados no día a día.
A sesión desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas na Biblioteca de Samos, situada no edificio do Concello, cun programa centrado en ofrecer ferramentas prácticas e recursos útiles para o acompañamento e atención das persoas que precisan apoio.
Ao longo da formación abordaranse cuestións relacionadas cos coidados básicos no fogar, o acompañamento e a comunicación, a mobilidade, a hixiene e o confort das persoas dependentes, así como o benestar físico e emocional das persoas coidadoras.
Ademais, as persoas participantes que completen as catro horas previstas de formación recibirán un diploma acreditativo que certificará a asistencia á actividade.
Con esta proposta, o Concello de Samos busca ofrecer apoio e formación a quen desempeña tarefas de coidado, reforzando coñecementos e promovendo unha atención máis próxima e adaptada ás necesidades das persoas dependentes.