Samos oferta novas clases de ioga con praza de proba gratuíta

O Concello de Samos e a instrutora Raquel Rodríguez impulsan unha nova actividade deportiva e de benestar coa posta en marcha de clases de ioga na antiga biblioteca municipal.
As sesións desenvolveranse todos os venres, en horario de 19.00 a 20.00 horas, e están dirixidas a todas aquelas persoas que desexen iniciarse nesta disciplina ou mellorar a súa práctica nun ambiente adaptado a distintos niveis.
Como parte da iniciativa, ofrecerase unha clase de proba gratuíta para que as persoas interesadas poidan coñecer a actividade antes de formalizar a súa inscrición.
Na actualidade aínda quedan dúas prazas dispoñibles para participar nesta proposta, que busca fomentar hábitos de vida saudables e promover o exercicio físico e o benestar entre a veciñanza.
As persoas interesadas poden solicitar máis información ou reservar a súa praza chamando aos teléfonos 618 28 09 10 ou 621 18 64 76.