Samos propón rutas guiadas para descubrir a súa historia durante as fins de semana de outono

SarriaXa
Os percorridos circulares celebraranse os sábados e domingos do 26 de setembro ao 25 de outubro e pasarán por lugares como o Paseo do Malecón, o acueduto, a Cerca Monástica ou a Torre do Reloxo
Capela-do-Ciprés-Samos
21 Sep 2026

O Concello de Samos pon en marcha este outono unha nova proposta para achegar a historia e o patrimonio local a veciños e visitantes. Trátase dunha serie de itinerarios circulares guiados que partirán da Capela do Ciprés e percorrerán diferentes enclaves de interese da localidade.

A iniciativa desenvolverase todos os sábados e domingos entre o 26 de setembro e o 25 de outubro de 2026, cun horario aproximado de 13.00 a 13.45 horas. Para participar será necesario realizar unha inscrición previa a través da Oficina de Turismo do Concello de Samos, ben por correo electrónico, teléfono ou WhatsApp.

A Capela do Ciprés será o punto de partida dun itinerario pensado para coñecer diferentes espazos ligados á historia e á identidade de Samos. Tras visitar a contorna da capela, o percorrido continuará polo Paseo do Malecón, o acueduto, a Horta da Farmacia e a Cerca Monástica.

A ruta seguirá posteriormente por Outeiro e Casa Manxarín antes de achegarse á Torre do Reloxo. Desde este último punto, os participantes regresarán novamente ata a zona da Oficina de Turismo, completando así un percorrido circular.

Con estes roteiros, Samos busca ofrecer unha maneira diferente de coñecer o municipio, combinando o paseo cunha aproximación guiada ao patrimonio histórico, arquitectónico e cultural da vila e á contorna do mosteiro.

As persoas interesadas en participar deberán reservar previamente a súa praza. As inscricións e a información sobre os percorridos poden solicitarse no teléfono 628 274 541 da Oficina de Turismo de Samos.

0.14577007293701