Samos recibe unha Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero para fomentar a igualdade a través da lectura

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou o Concello de Samos para facer entrega dunha Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero (MAVI), unha iniciativa da Subdelegación do Goberno que busca fomentar a igualdade e previr a violencia machista a través da lectura. Na visita estivo acompañada por Rosa María Rivas, xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación.
López destacou a importancia de achegar este tipo de recursos á cidadanía, especialmente aos municipios do rural, e lembrou que a lectura pode contribuír a identificar e cuestionar comportamentos e estereotipos que perpetúan as desigualdades. «A lectura permítenos reflexionar sobre comportamentos e estereotipos que seguimos asumindo con normalidade e que contribúen a perpetuar as desigualdades entre mulleres e homes», sinalou.
O proxecto MAVI comezou en 2022 nos concellos de Viveiro e Sarria. Desde entón, as maletas percorreron diferentes municipios da provincia e tamén os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Cada unha delas contén doce libros, fichas de lectura e un diario no que as persoas participantes poden recoller as súas impresións.
As tres maletas do programa continúan o seu percorrido polos concellos, centros de información á muller e servizos sociais da provincia, onde permanecen durante períodos de catro ou cinco meses. Este sistema permite tanto a lectura individual como a organización de actividades en grupo. A subdelegada agradeceu a colaboración do Concello de Samos e incidiu en que a prevención da violencia de xénero require tamén educación, sensibilización e ferramentas para identificar as condutas discriminatorias.
A maleta entregada en Samos inclúe obras dirixidas a diferentes públicos. Entre os títulos infantís e xuvenís figuran '¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?', de Raquel Díaz Reguera, e 'Heroínas secretas de la historia de España', de El Fisgón Histórico.
O catálogo para adultos reúne libros como 'La cenicienta que no quería comer perdices', de Nunila López Salamero e Myriam Cameros Sierra; 'Todos deberíamos ser feministas', de Chimamanda Ngozi Adichie; 'Mi marido me pega lo normal', de Miguel Lorente Acosta; 'Infamia', de Ledicia Costas; 'Cansadas', de Nuria Varela; 'Aqueles días en que eramos malas', de Inma López Silva; 'Rosalía feminista', de Helena González Fernández, e 'As miñas fillas devolvéronme a vida', de Inés Fernández Lamela, entre outras obras.