Sarria acolle a charla 'A Botica do Peregrino' sobre a historia das plantas medicinais no Camiño

SarriaXa
A actividade, incluída no ciclo de divulgación científica Camiños de Ciencia, celebrarase este sábado 31 de outubro na Casa do Concello e contará cun podcast en directo con participación do público
Casa-Concello-de-Sarria
30 Oct 2026

Sarria será este sábado 31 de outubro unha nova parada de Camiños de Ciencia, un ciclo de divulgación científica que percorre o Camiño de Santiago para achegar o coñecemento científico á cidadanía.

A xornada terá como protagonista a charla 'A Botica do Peregrino', a cargo do farmacéutico Miguel Álvarez Soaje, que afondará na historia das boticas vinculadas á ruta xacobea, os remedios tradicionais e o uso das plantas medicinais.

A iniciativa combinará a divulgación coa comunicación científica a través da gravación dun podcast en directo. Nel participarán Manuel Vicente, do programa 'Efervesciencia' da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer. Ademais, as persoas asistentes terán a oportunidade de intervir nesta conversa e participar na actividade.

O encontro desenvolverase na Casa do Concello de Sarria e terá entrada gratuíta. A proposta busca explorar a relación entre a ciencia, a historia e o Camiño de Santiago, achegando ao público o coñecemento sobre as prácticas medicinais tradicionais e a súa presenza ao longo da ruta xacobea.

0.14491200447083