Sarria acolle o concerto de Loita Amada coa presentación de 'Resistir é vencer'

A banda galega Loita Amada actuará este sábado 18 de abril en Sarria, onde presentará en directo o seu último traballo discográfico, Resistir é vencer. O concerto terá lugar na Sala Buril ACDE, cunha apertura de portas prevista para as 21:30 horas e o inicio da actuación ás 22:00 horas, que correrá a cargo da formación melidense Cuarta Xusta.
A xira de presentación deste novo disco está a consolidarse como unha das propostas musicais máis destacadas do momento, tras superar xa as 1.500 entradas vendidas nas súas primeiras semanas. Con 16 concertos programados neste inicio de ano, o grupo leva xa percorridas 10 salas nun formato pouco habitual, centrado en espazos de proximidade que favorecen o contacto directo co público.
Esta aposta permitiulles achegar a súa música a distintos puntos de Galicia e mesmo dar o salto a outros territorios como Euskadi, consolidando un modelo de concertos intensos e cargados de enerxía, nos que a experiencia se vive de forma máis directa. Ademais, nalgunhas das citas complétase a proposta con faladoiros, exposicións e outras actividades culturais paralelas.
O disco Resistir é vencer foi gravado nos Estudos Garate baixo a produción de Kaki Arkarazo. Neste traballo, a banda afonda nun son baseado no rock, incorporando influencias de estilos como o punk, o folk, o metal, o reggae, o ska e a tradición galega, cunha marcada carga lírica e social.
Pola súa banda, Cuarta Xusta celebra o seu décimo aniversario mentres continúa coa xira do seu último disco, Libre amencer, ao tempo que xa traballa no que será o seu terceiro proxecto discográfico.