Sarria acolle unha xornada informativa sobre migración, dereitos e procesos de regularización

Accem, en colaboración co Concello de Sarria e a Asociación cultural Huhú, organiza a xornada informativa 'Migración, dereitos e procesos de regularización', que terá lugar o venres 8 de maio no Salón de Plenos do Concello de Sarria.
A iniciativa ten como obxectivo reforzar o coñecemento mutuo entre os axentes sociais, as persoas migrantes e a cidadanía, así como dar a coñecer o traballo que desenvolve Accem en Galicia. Ademais, pretende ofrecer información clara e actualizada sobre estranxeiría e os procedementos de regularización administrativa, co fin de mellorar o acceso aos dereitos e aos recursos de apoio dispoñibles.
Os programas e proxectos que se presentarán nesta xornada contan co apoio e financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, no marco das súas liñas de impulso á inclusión social, á convivencia e ao fortalecemento do terceiro sector na comunidade autónoma.
O programa estrutúrase en dúas sesións. Ás 11:00 horas celebrarase unha primeira parte centrada na presentación de Accem e dos seus principais servizos e programas en Galicia, orientados á atención, acompañamento e inclusión das persoas migrantes.
Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar unha charla informativa sobre o proceso de regularización, na que se explicarán requisitos, documentación necesaria e prazos, e na que se abrirá unha quenda final de dúbidas e preguntas para as persoas asistentes.