Sarria acollerá as XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela co foco no presente e futuro da Xustiza

Sarria converterase de novo nun punto de referencia do ámbito xurídico estatal coa celebración das XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela, que terán lugar os días 3, 4 e 5 de xuño na Casa da Cultura da localidade. Esta edición estará centrada na análise dos principais desafíos e cambios que atravesa o sistema xudicial actual baixo o lema A Xustiza que temos vs. a Xustiza que necesitamos.
O encontro está organizado polo Concello de Sarria e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, ademais de formar parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial e ofrecer créditos de extensión universitaria a través da UNED. As sesións poderán seguirse tamén en directo de forma telemática desde o centro de Lugo da UNED.
A programación abrirase cun relatorio inaugural a cargo do presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, e continuará cun acto de inauguración institucional no que participarán o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.
Ao longo de tres xornadas desenvolveranse mesas redondas e debates con maxistrados/as, xuristas e expertos/as nos que se abordarán cuestións como a xustiza restaurativa, a intelixencia artificial aplicada á tutela xudicial efectiva, o futuro da carreira xudicial ou a implantación dos Tribunais de Instancia. Tamén se analizarán experiencias internacionais como a Fiscalía Europea ou os retos da xustiza administrativa en México, ademais de asuntos sociais e de transformación dixital como a igualdade na xurisdición social, a estranxeiría e o asilo, a litigación en masa, o interese do menor e os efectos da dixitalización no ámbito laboral.
As xornadas, dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, reunirán tamén a unha trintena de maxistrados/as de diferentes comunidades e contarán con relatores de primeiro nivel, entre eles un expresidente do CGPJ, unha expresidenta do Tribunal Constitucional, membros do Tribunal Supremo, o presidente da Axencia Española de Protección de Datos e a secretaria xeral para a Innovación e Calidade do Servizo Público de Xustiza. A clausura correrá a cargo da presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló.
Nunha das mesas redondas, baixo o título 'Entre a realidade e a necesidade: que Xustiza estamos a construír?', participarán representantes das principais asociacións xudiciais do Estado, completando un programa centrado no debate sobre o presente e o futuro da xustiza.
PROGRAMA
O programa comezará o mércores 3 de xuño coa inauguración ás 16:00 horas na que participarán o alcalde de Sarria, Claudio Garrido Martínez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste Sueiras; representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira Pena. A continuación, terá lugar a ponencia inaugural a cargo de Cándido Conde-Pumpido, presidente do Tribunal Constitucional.
Ese mesmo día celebrarase unha mesa redonda moderada por Sofía Puente Santiago na que intervirán, entre outros, Juan Antonio Xiol Ríos, Lorenzo Cotino Hueso, Jordi Nieva-Fenoll e Javier Ercilla García, con temas centrados na xustiza restaurativa, a intelixencia artificial, o futuro do sistema xudicial e a organización territorial da xustiza.
O xoves 4 de xuño desenvolveranse varias mesas redondas con intervención de representantes da Fiscalía Europea, do ámbito da xustiza autonómica e internacional, así como debates sobre a implantación dos tribunais de instancia, a xustiza administrativa en México e a igualdade na xurisdición social. Tamén se celebrará un debate plural sobre o modelo de xustiza entre distintas asociacións profesionais da maxistratura.
O venres 5 de xuño o programa incluirá mesas redondas sobre xurisprudencia recente do Tribunal Supremo en materia de estranxeiría e asilo, a litigación en masa, o interese do menor e as consecuencias da dixitalización no ámbito laboral. O acto de clausura estará presidido por Isabel Perelló Doménech, presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo.
CONTEXTO
As Xornadas Xurídicas de Sarria “Román García Varela” teñen a súa orixe no ano 2007 e, tras o falecemento do seu fundador en 2013, continuaron celebrándose na súa memoria ata a actualidade. O foro ten lugar en Sarria, localidade pola que transcorre o Camiño de Santiago, e cada ano reúne a prestixiosos relatores nacionais e internacionais que debaten sobre cuestións de grande interese e relevancia xurídica.
As persoas directoras da actividade son Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil, e Román García-Varela Iglesias, letrado da Administración de Xustiza, doutor en Dereito e Ciencias Sociais.