Sarria ACENDIDA arrinca esta fin de semana con tres días de graffiti e dez novos murais na vila

Sarria ACENDIDA botará a andar esta fin de semana cunha programación cultural que combinará arte, música e memoria rural. A primeira proposta terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro na zona deportiva do Chanto, onde se celebrará a Liga Nacional de Graffiti coa participación de dez artistas profesionais que crearán en directo dez murais de gran formato.
As obras quedarán incorporadas de maneira permanente ao espazo público de Sarria e estarán relacionadas con cinco grandes liñas temáticas: as aldeas e as formas de vida vinculadas a elas, a lingua galega como realidade viva, os oficios e saberes tradicionais, o papel das mulleres e a transmisión da memoria, e a música, a festa e a tradición.
Durante o venres 4 e o sábado 5, os artistas traballarán nos murais en horario de mañá e tarde, acompañados de diferentes sesións de DJ. Ademais, o sábado 5, ás 12.30 horas, terá lugar un obradoiro infantil de graffiti para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. A actividade será gratuíta, aínda que será necesaria a inscrición previa, e contará cun máximo de 25 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. A información sobre as inscricións publicarase nos perfís sociais de Cultura do Concello de Sarria.
A programación continuará o domingo 6, ás 12.00 horas, coa entrega de premios e a presentación pública dos murais realizados durante o encontro. Con esta primeira actividade, Sarria ACENDIDA pretende achegar a creación urbana profesional á veciñanza, atraer novos públicos e deixar na vila un legado artístico vinculado á identidade do territorio.
O proxecto manterá a súa programación ata decembro con diferentes propostas arredor da cultura e da memoria rural. Entre setembro e outubro haberá actividades de teatro, mentres que durante outubro e novembro se organizarán obradoiros sobre a memoria das aldeas, os oficios tradicionais, a oralidade e a regueifa, a fotografía e o vídeo, e a cociña e as receitas tradicionais.
Estas actividades estarán orientadas a recuperar e compartir historias, palabras, coñecementos e formas de vida do rural, trasladándoos a novos formatos e espazos. A intención é reunir voces, imaxes, saberes e sabores para construír colectivamente un arquivo vivo da memoria rural de Sarria.
A programación finalizará o 12 de decembro na Praza de Abastos cunha celebración na que participarán asociacións e haberá música, ademais dunha mostra dos materiais e resultados xerados ao longo do proxecto.
Sarria ACENDIDA está impulsado polo Concello de Sarria e conta cun financiamento de 50.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A iniciativa nace coa vontade de conectar a vila coa memoria das súas aldeas a través de propostas culturais contemporáneas, participativas e abertas á veciñanza.
Cultura do Concello de Sarria dará a coñecer progresivamente os detalles das distintas actividades e os correspondentes procesos de inscrición a través das súas canles oficiais.