Sarria Aire Limpo chama á veciñanza a asistir ao pleno para pedir explicacións pola licenza concedida a Votorantim Cimentos

A Plataforma Sarria Aire Limpo fixo un chamamento á veciñanza para asistir ao pleno municipal que se celebrará o vindeiro xoves 30 de abril, ás 19.00 horas, co obxectivo de reclamar explicacións ao Goberno local pola concesión da licenza urbanística a Votorantim Cimentos.
O colectivo sostén que o Concello outorgou a licenza sen contar previamente coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un requisito que, segundo indica, está recollido na Lei de Augas, na Lei do Solo e tamén nos informes emitidos polo propio organismo de conca. Ao seu xuízo, esta circunstancia require unha explicación pública por parte do Executivo municipal para aclarar os motivos polos que se tomou esa decisión.
Sarria Aire Limpo tamén critica a falta de transparencia durante a tramitación do expediente. En concreto, asegura que a orde do día da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a licenza non foi publicada na páxina web do Concello, ao contrario do que, segundo afirma, sucede co resto das sesións.
A Plataforma denuncia igualmente un trato desigual entre a cidadanía e unha gran multinacional, lembrando que numerosos particulares deben agardar durante anos para obter unha licenza urbanística, mentres que este expediente foi resolto nun prazo de poucas semanas.
Por todo iso, Sarria Aire Limpo considera fundamental a presenza da veciñanza no pleno municipal para reclamar transparencia, igualdade ante a lei e o cumprimento estrito da legalidade nas decisións adoptadas polo Concello.