Sarria Aire Limpo cuestiona a defensa da licenza de Votorantim por parte do alcalde

A Plataforma Sarria Aire Limpo volveu cuestionar a licenza concedida a Votorantim para a execución das obras que se están a desenvolver no municipio e criticou a postura amosada polo alcalde durante o pleno municipal celebrado este xoves, unha sesión na que integrantes do colectivo se concentraron diante da Casa do Concello para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto.
A entidade considera “moi preocupante” a actitude do rexedor durante a sesión plenaria, ao entender que, lonxe de aclarar as dúbidas existentes sobre a licenza, defendeu a continuidade dos traballos e a validez da autorización municipal. Neste sentido, a plataforma pregúntase por que existe tanto interese por parte do alcalde en manter a súa defensa dunha licenza sobre a que, segundo sostén, existen indicios e interrogantes relacionados coa súa legalidade.
Desde Sarria Aire Limpo amosan tamén a súa discrepancia coa referencia realizada polo alcalde aos informes emitidos durante a Avaliación Ambiental e a Autorización Ambiental Integrada. O colectivo lembra que na documentación figura un informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no que se establece que calquera obra, actuación ou afección, fixa ou temporal, que poida afectar aos cauces ou ás súas zonas de protección require autorización ou concesión previa do organismo de conca.
Segundo a plataforma, esta consideración implica que, no caso de existir un curso de auga e de que as obras poidan afectar ao seu leito ou ás súas áreas de protección, sería necesario contar coa correspondente autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Por este motivo, consideran que non se poden utilizar os informes ambientais para defender a licenza sen ter en conta as condicións que recollen.
O colectivo tamén fai referencia ao Plan Básico Municipal, asegurando que este documento xa recolle a existencia dun curso de auga na parcela onde se executan as obras. Na súa opinión, este feito figura na documentación urbanística e non debería ser ignorado nin minimizado á hora de valorar a actuación administrativa levada a cabo.
Outro dos aspectos cuestionados pola plataforma é o prazo de tramitación da licenza. Segundo sinalan, a autorización foi solicitada en decembro de 2025 e concedida en xaneiro de 2026, apenas un mes despois, polo que consideran que non se corresponde coa idea dunha tramitación longa e complexa.
Sarria Aire Limpo insiste en que o debate non debe centrarse nunha cuestión política, senón no cumprimento da legalidade, na protección do dominio público hidráulico e na transparencia das actuacións municipais. Por iso, reclama ao alcalde explicacións sobre as circunstancias nas que foi concedida a licenza, os motivos polos que continúa defendendo a súa validez e as razóns polas que, ao seu xuízo, se está trasladando á cidadanía unha versión dos feitos que non coincide coa documentación existente.