Sarria Aire Limpo denuncia o uso de escolares para "mellorar a imaxe de Votorantim"

A Plataforma Sarria Aire Limpo denunciou o que considera unha “utilización de escolares” por parte de centros educativos co obxectivo de “lavar a cara” á empresa Votorantim, á que acusan de intentar proxectar unha imaxe positiva nun contexto marcado polo proxecto de instalación dunha planta de produción de Combustibles Sólidos Recuperados (CSR).
Desde a plataforma explican que a compañía pretende poñer en marcha unha instalación para producir CSR a partir de 163.800 toneladas anuais de residuos industriais, materiais que posteriormente poderían ser incinerados no forno da fábrica. Segundo sinalan, este proceso xeraría emisións que cualifican como “altamente tóxicas”. Ademais, lembran que Votorantim xa contaba con autorización para queimar pneumáticos e outros residuos, que, segundo indican, ao seren incinerados tamén supoñen riscos importantes para a saúde humana e para o medio ambiente.
A denuncia da plataforma refírese especificamente a unha actividade patrocinada pola empresa no CEIP de Oural. Segundo explican, consideran que a iniciativa busca transmitir unha imaxe vinculada ao ecoloxismo mediante a participación do alumnado, ao que acusan á empresa de utilizar con fins propagandísticos. Ademais, sosteñen que esta actuación tamén pretende influír na comunidade educativa e na veciñanza da contorna.
Desde Sarria Aire Limpo advirten das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter a futura planta de CSR. Entre elas citan a contaminación derivada das emisións de dioxinas e furanos á atmosfera, o incremento do tránsito de vehículos pesados cargados con residuos, posibles afeccións sobre augas e terreos e mesmo o risco de incendio dos materiais acumulados.
Por todo iso, a plataforma expresou a súa crítica e lamentou que a dirección do centro educativo participase nesta actividade. O colectivo considera que non se informou previamente da intención de utilizar ao alumnado nunha xornada que, segundo sostén, estaría orientada a reforzar a imaxe dunha empresa privada que desenvolverá unha actividade que consideran perigosa para a poboación da comarca.
Ademais, a Plataforma Sarria Aire Limpo anunciou a elaboración dunha queixa formal dirixida ao centro educativo pola súa colaboración no que definen como unha estratexia publicitaria da multinacional Votorantim.
Pola súa parte, desde a directiva do CEIP Antonio Fernández López de Oural din que a actividades foi "proposta pola ANPA" e que Dirección aceptou polo seu contido. "A fábrica está vinculada a esta localidade e habitualmente fan obradoiros de de contidos ecolóxicos. Neste caso, os nenos e nenas levaron a cabo unha recollida de lixo nesta zona e tamén plantaron unhas ábores nuns ocos que xa estaban feitos. Pareceunos unha actividade interesante para os pequenos, preto do colexio e cun alto contido medioambiental", sostiveron.
Tamén, desde a ANPA do colexio compartiron o mesmo sentir da directiva: "Eles fan este tipo de actividades e pareceunos interesante propoñela para que os nenos puidesen formar parte do coidado do medio ambiente". Ademais, aclaran que "en ningún momento se falou da empresa, só de recoller o lixo e de plantar árbores". Por iso, sentencian: "Non houbo ningún afán propagandístico, só levar a cabo unha actividade distinta e cuns valores que queremos trasmitirlle aos máis pequenos".
Ademais, Votorantim Cimentos aclarou que, dentro da súa estratexia de sustentabilidade, impulsa distintas accións nos contornos nos que desenvolve a súa actividade vinculadas ao medio ambiente, a economía circular e a reciclaxe. A compañía explica que estas iniciativas se materializan en colaboración con colectivos sociais e centros educativos, a través de obradoiros, charlas e outras actividades orientadas a fomentar a sensibilización medioambiental entre a poboación máis nova e a comunidade en xeral. Neste sentido, a empresa afirma compartir a opinión expresada polo centro educativo e a ANPA.