Sarria celebra o Corpus Christi e chama a novos voluntarios para manter as alfombras florais

SarriaXa
A festividade conmemora 30 anos da tradición alfombrista, que este ano se reduce a dúas creacións polas obras en Santa Mariña
Corpus-Sarria
13 May 2026

Sarria celebrará o vindeiro 7 de xuño a súa tradicional festividade do Corpus Christi, unha cita moi especial este ano ao cumprirse 30 anos desde a primeira vez que a vila luciu as súas alfombras florais.

Desde o Concello destacan que esta tradición, nacida hai tres décadas, converteu a Sarria nun referente non só en Galicia e en España, senón tamén a nivel internacional, con participación en iniciativas como as alfombras dos anos xacobeos.

Con motivo desta conmemoración, Violeta Bernardo, pioneira da arte efémera en Sarria, acompañará a Hernando Caldeiro nos deseños desta edición. Por mor das obras en Santa Mariña, este ano unicamente se elaborarán dúas alfombras.

Con todo, a continuidade desta tradición vese agora condicionada pola falta de relevo xeracional. Os alfombristas advirten de que necesitan novos voluntarios para seguir engalanando cada ano a Rúa Maior e lembran que, se non hai máis colaboración, esta podería ser a última edición.

Por este motivo, fan un chamamento á participación e convidan a todas as persoas interesadas a achegarse á Capela do Perpetuo Socorro, na Praza da Vila, para colaborar e axudar a manter viva esta tradición, sendo todas e todos benvidos.

0.11241292953491