Sarria celebrará as festas de San Xoán cun completo programa de actividades

Sarria celebrará as festas de San Xoán do 23 ao 28 de xuño cun amplo programa de actividades culturais, musicais, tradicionais, infantís e deportivas organizado polo Concello.
As celebracións arrincarán o martes co desfile das Pampónigas e os Dimonis de La Plana, o pregón a cargo de Borja Tosar e o tradicional lanzamento do foguete que marca o inicio das festas. A xornada incluirá ademais unha pancetada popular, a actuación do grupo Eoas, a 54ª Queimada Popular e o acendido da cacharela de San Xoán cun espectáculo de lume, música e danza protagonizado polos Correfoc-Dimonis de La Plana. A primeira noite festiva rematará coa actuación da orquestra Costa Dorada.
O mércores a programación combinará os actos relixiosos tradicionais coa música de rúa e os concertos, entre os que destacan as actuacións da Banda de Música de Sarria, a Asociación Cultural Peleriños e Tambukda, ademais dunha das citas máis agardadas das festas, a verbena a cargo das orquestras Los Satélites e París de Noia.
O xoves estará especialmente orientado ao público familiar, cunha tarde infantil que incluirá teatro, bailes, globoflexia, pintacaras e obradoiros. Tamén haberá un espectáculo de maxia con Roberto Lolo e unha gran verbena protagonizada polo Grupo Ráfaga e a orquestra New York.
O venres continuarán os pasacalles e as actividades de animación coa Charanga de Paradela, a Asociación Cultural Meigas e Trasgos e a Duendeneta. A música volverá ser protagonista pola noite coas actuacións das orquestras Trébol e Charleston Big Band. Ademais, dará comezo unha nova edición do Torneo de Fútbol Sala San Xoán.
A programación continuará o sábado cun pasacalles e un concerto da Banda da Comarca de Sarria. A xornada culminará cunha nova edición do festival Vibraxón, que reunirá sobre o escenario a Mrs. Fine, The Raphans e Duendeneta Dilleis.
As festas rematarán o domingo cunha xornada dedicada aos máis pequenos, que poderán gozar de descontos especiais nas atraccións, e coa disputa da final do XXXVI Torneo de Fútbol Sala San Xoán.
Ademais das actividades organizadas polo Concello, a Sociedade Recreativa La Unión celebrará unha sesión vermú o mércores coas actuacións da Asociación Meigas e Trasgos e Os Dous Bos, así como unha cea de gala o xoves.
PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DE SAN XOAN 2026 EN SARRIA