Sarria convoca sete prazas fixas de auxiliar xerocultor na residencia de maiores

O Concello de Sarria abriu o proceso selectivo para cubrir sete prazas de persoal laboral fixo de auxiliar xerocultor/a no Organismo Autónomo Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme.
Para optar ás prazas será necesario contar co título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou técnico en Atención Sociosanitaria. Tamén se poderá acceder cunha titulación de ESO ou equivalente, sempre que se dispoña do certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real Decreto 1368/2007.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, será necesario presentar a credencial de homologación en España e, se procede, a tradución xurada do título.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de novembro de 2026. As bases publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo número 230, do 8 de outubro, e o anuncio no Boletín Oficial do Estado número 262, do 22 de outubro. As bases e os formularios de solicitude están dispoñibles na sede electrónica da residencia.