Sarria e A Palleira acollen a programación pública do laboratorio de danza contemporánea TRAMA

A Asociación Crearte organiza esta semana a programación aberta ao público do laboratorio de verán TRAMA, unha iniciativa de danza contemporánea en contexto rural que se desenvolverá entre o 30 de xullo e o 1 de agosto en A Palleira e na vila de Sarria. Todas as actividades serán de acceso gratuíto.
A programación arrancará o 30 de xullo en Manán, nas instalacións de A Palleira, coa proxección, ás 22.00 horas, da película Era Como Um Filme, dirixida por Victor Hugo Pontes, con guión de Joana Craveiro.
O 31 de xullo, as actividades trasladaranse á vila de Sarria, onde se desenvolverán tres performances en distintos espazos. A primeira terá lugar ás 19.00 horas na Capela do Marqués, coa representación de Katábasis, de Valter Fernandes. Ás 19.45 horas, a Praza de Santa Mariña acollerá Hurricane, a cargo da Ginasiano Escola de Dança. A xornada concluirá ás 20.15 horas no Antigo Cárcere, coa performance Vou levantar-me e morder um figo, creada por Ana de Oliveira e Silva e Dinis Duarte.
A programación pecharase o 1 de agosto en Manán, onde A Palleira acollerá ás 12.00 horas a presentación final de TRAMA, que servirá para mostrar o traballo desenvolvido polas persoas participantes durante o laboratorio de verán.
Con esta iniciativa, a Asociación Crearte achega á comarca unha proposta que combina creación artística, formación e exhibición, levando a danza contemporánea a espazos rurais e patrimoniais tanto de Manán como da vila de Sarria.