Sarria énchese de arte urbano coa Liga Nacional de Graffiti

Sarria converteuse esta fin de semana nun gran escaparate da arte urbana coa celebración da Liga Nacional de Graffiti, unha iniciativa que reuniu na vila dez artistas procedentes de diferentes puntos de España, entre eles Cataluña e Andalucía, que plasmaron en distintos murais referencias ao patrimonio, á cultura e ás tradicións galegas.

A actividade desenvolveuse ao longo de tres días e integrouse no programa Sarria Acendida, impulsado polo Concello de Sarria e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O vencedor desta xornada da Liga Nacional de Graffiti foi o artista urbano Danklabara, de Almería, que se impuxo ao resto de participantes coa súa obra Outra vaca no millo. O mural, situado nunha das fachadas do pavillón polideportivo da rúa Castelao, representa unha anciá xunto a unha vaca e toma como inspiración esta coñecida expresión galega.
O segundo posto foi para Hide Two, de Málaga, cunha creación realizada nas pistas deportivas. O artista fusionou as letras de estilo wild style, caracterizadas polo seu ornamento, as frechas e as formas complexas, cun traballo en baixorrelevo.
O terceiro clasificado foi Konestilo, de Huelva, que realizou un mural dedicado ao Camiño de Santiago, tamén nunha das fachadas do pavillón. A obra está protagonizada por unha peregrina coa súa mochila e unha cuncha, mentres percorre a ruta xacobea. Ao fondo aparecen outros camiñantes atravesando a localidade.
Ademais das tres obras premiadas, os participantes deixaron outros murais repartidos pola vila. Zhy representou a escena dunha persoa cortando un polbo á feira, mentres que Joni Daes decidiu combinar dous estilos de graffiti, o figurativo e o de letras, para dar forma á figura dunha muller maior.
Pola súa banda, Cafre apostou polas máscaras de Entroido como elemento central da súa creación. No mural de Eslicer aparece un gaiteiro acompañado de imaxes dalgunhas das edificacións máis representativas de Sarria.
A música tamén está presente na obra de María Die, a única muller participante nesta edición, que incorporou esta temática á súa proposta artística.
Outro dos murais é o realizado por Its Perfect Chaos, que representa unha moza cun vestido tradicional e unha galiña nas mans. Finalmente, Cien apostou polo denominado "graffiti model pastel", xogando coas formas para representar un nó de bruxa e unha cuncha.
A entrega dos premios tivo lugar este domingo e correu a cargo do director da Liga Nacional de Graffiti, Joseba Fernández, e do concelleiro de Cultura, César No, que recoñeceron o traballo dos tres artistas gañadores.
A organización e o Concello amosaron a súa intención de que esta proposta poida regresar á vila no ano 2027, dando continuidade á aposta por achegar a arte urbana aos espazos públicos de Sarria.