Sarria exhibe unha mostra de vehículos a escala con Pegaso, Cars e os grandes rallies como protagonistas

Sarria converteuse esta fin de semana nun punto de encontro para os amantes do motor coa celebración da VI Concentración de Vehículos Clásicos "Vila de Sarria", organizada polo Club Clásicos Sarria. A cita reuniu arredor de 130 vehículos procedentes de Galicia e Asturias, algúns deles con máis de cen anos de historia.
No marco desta concentración, a Biblioteca Municipal Camilo Gonsar acolleu unha exposición temporal do futuro Museo Paixón Motor Slot, promovido por Julio Páramo. A mostra complementou a programación do encontro automobilístico e ofreceu aos asistentes un percorrido pola historia do motor a través de vehículos a escala.
A exposición reúne varias temáticas vinculadas á historia do automóbil e á competición, con espazos dedicados aos 75 anos de Pegaso, ao 20 aniversario da estrea da película "Cars", ao Rally San Froilán, ao Rally de Montecarlo e á Triple Coroa.
Aínda que a iniciativa naceu como unha das actividades complementarias da concentración de coches clásicos, a mostra permanecerá durante varias semanas na biblioteca municipal. O obxectivo é facilitar a organización de visitas de centros educativos e de persoas interesadas no mundo do motor, achegando a historia do automobilismo a novos públicos a través dos vehículos a escala.
O proxecto está vinculado ao futuro Museo Paixón Motor Slot de Sarria, unha iniciativa impulsada por Julio Páramo que busca ofrecer un espazo dedicado ao coleccionismo e á cultura do motor.