Sarria inaugura as XIX Xornadas Xurídicas ‘Román García Varela’ cunha ampla representación institucional e xurídica

Sarria acolle este mércores 3 de xuño, a partir das 16.00 horas, a inauguración das XIX Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’, que se celebrarán na Casa da Cultura da localidade, sede do encontro que se estenderá ata o venres e que reunirá unha ampla representación do ámbito xudicial, académico e institucional.
No acto inaugural intervirán o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.
A continuación, o presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, impartirá a conferencia inaugural a partir das 16.30 horas. Posteriormente, a secretaria xeral para a Innovación e Calidade do Servizo Público de Xustiza, Sofía Puente, moderará a primeira mesa redonda, na que o exvicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol, abordará a xustiza restaurativa, mentres que o presidente da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino, analizará o uso da intelixencia artificial para mellorar a tutela xudicial efectiva.
O programa continuará coa participación do catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona, Jordi Nieva-Fenoll, que reflexionará sobre o pasado, presente e futuro da Xustiza e sobre a posible evolución do papel dos xuíces, mentres que o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias, Javier Ercilla, ofrecerá a conferencia titulada “E se o xuíz do teu preito estivese en Galicia e ti en Canarias?”.
Unha trintena de xuíces e xuízas, así como expertos en Dereito, persoal da Administración de Xustiza e outros operadores xurídicos participarán neste encontro organizado polo Concello de Sarria e incluído no programa de Formación Continua do CGPJ. Ademais, unhas 300 persoas seguirán as sesións de forma telemática a través do centro da UNED de Lugo.
Ata o venres, a Casa da Cultura de Sarria acollerá distintas sesións nas que se analizarán os retos e transformacións do sistema xudicial, abordando tamén cuestións sociais e de transformación dixital como a igualdade na xurisdición social, a extranxeiría e o asilo, a litigación en masa, o interese do menor e os efectos da dixitalización no ámbito laboral.
As xornadas, dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema, contarán con destacados relatores e incluirán mesas redondas nas que participarán representantes das principais asociacións de xuíces e maxistrados, baixo o título “Entre a realidade e a necesidade: que Xustiza estamos construíndo?”.
Estas xornadas, nacidas en 2007 e impulsadas polo maxistrado Román García Varela, falecido en 2013, continúan celebrándose cada ano na súa memoria.