Sarria ofrece seis cursos gratuítos de formación dixital entre novembro e decembro

O Concello de Sarria organizará seis cursos gratuítos de formación tecnolóxica entre novembro e decembro para achegar as ferramentas dixitais á cidadanía e mellorar as súas competencias neste ámbito.
A programación, impulsada pola Concellería de Cultura, inclúe propostas para diferentes niveis e estará centrada no uso do teléfono móbil, a intelixencia artificial, os servizos electrónicos e as tecnoloxías tridimensionais.
As actividades desenvolveranse na Aula CeMIT da Casa da Cultura e contarán cun máximo de 18 prazas cada unha.
A primeira proposta será 'Sácalles partido ao teu móbil Android', que se impartirá do 2 ao 6 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas. A continuación, os días 9, 11, 16, 18 e 23 de novembro, terá lugar o curso 'Iniciación á intelixencia artificial', en horario de 16:30 a 19:30 horas.
A oferta continuará do 16 ao 20 de novembro coa formación 'Internet, ocio e operacións dixitais', de 10:00 a 13:00 horas. Nesa mesma franxa horaria, do 23 ao 27 de novembro, os participantes poderán iniciarse na impresión tridimensional co curso 'Iniciación á impresión 3D'.
Xa entre o 30 de novembro e o 4 de decembro, a aula acollerá 'Realiza os teus trámites na sede electrónica do Concello', unha actividade orientada a aprender a utilizar os servizos dixitais da Administración municipal. As sesións serán de 10:00 a 13:00 horas.
A programación pecharase os días 9 e 11 de decembro co curso 'Iniciación ao uso dun escáner 3D', que se desenvolverá de 10:00 a 14:00 horas.
As persoas interesadas en consultar as condicións de participación ou formalizar a inscrición poden contactar coa Aula CeMIT no teléfono 982 530 723 ou no correo electrónico cemit.sarria@xunta.gal.
Con esta iniciativa, o Concello busca facilitar o acceso da veciñanza ás novas tecnoloxías e ofrecer recursos prácticos para desenvolverse no ámbito dixital, tanto na vida cotiá como nas xestións coa Administración.