Sarria ofrece unha viaxe virtual polo patrimonio do Camiño de Santiago

SarriaXa
A iniciativa "Pasaxes do Camiño" contará con dúas actividades gratuítas, unha na Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme pola mañá e outra aberta a toda a cidadanía na Casa da Cultura pola tarde
camino-santiago-ruta-xacobea-recurso
24 Nov 2026

Sarria acolle este martes 24 de novembro unha nova parada de "Pasaxes do Camiño", un proxecto cultural promovido pola empresa galega Wireless Galicia en colaboración co Concello, que combinará patrimonio, tecnoloxía e realidade virtual para achegar o Camiño de Santiago a persoas de todas as idades.

A través de lentes de realidade virtual, as persoas participantes poderán explorar diferentes espazos emblemáticos do itinerario xacobeo ao seu paso por Sarria, Santiago de Compostela, Dumbría, Muxía e Fisterra. A experiencia utilizará fotografías e vídeos en 360 graos para ofrecer unha viaxe inmersiva por paisaxes e lugares de interese cultural e natural. A proposta enmárcase no programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia.

A primeira sesión desenvolverase na Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, de 11:00 a 12:30 horas. Estará adaptada ás necesidades das persoas residentes e contará con persoal de apoio, co obxectivo de facilitar o acceso ao patrimonio xacobeo a maiores ou persoas con dificultades de mobilidade, que poderán descubrir ou volver visitar estes lugares sen desprazarse. Ademais, haberá un photocall para facer unha fotografía de lembranza e entregarase un chaveiro conmemorativo do Ano Xacobeo.

Pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, a Casa da Cultura acollerá unha actividade aberta e gratuíta para toda a cidadanía, na que poderán participar veciñanza, familias, mocidade e visitantes. As persoas asistentes poderán percorrer virtualmente distintos escenarios do Camiño, con experiencias en vídeo 360 graos en lugares como o Faro de Fisterra ou a fervenza do Ézaro. A xornada tamén contará cun photocall e chaveiros de agasallo.

0.16614103317261