Sarria prepárase para recibir aos Reis Magos cunha cabalgata chea de ilusión

As rúas de Sarria volverán encherse de maxia o vindeiro luns 5 de xaneiro coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, unha das citas máis esperadas do Nadal. A partir das 18.00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán a vila repartindo ilusión, sorrisos e algunha que outra sorpresa, nunha tarde pensada especialmente para o público infantil pero tamén para o conxunto da veciñanza.
A comitiva real sairá da Feculeira e continuará pola rúa da Liberdade, rúa Diego Pazos e rúa Matías López, para rematar o seu percorrido na Praza da Vila, onde se concentrará boa parte da animación final. Desde o Concello lembran que, co obxectivo de avanzar cara a un Nadal máis inclusivo, establecerase unha zona de son moderado na rúa da Liberdade, concretamente no tramo comprendido entre o cruce da avenida de Portomarín e o cruce da rúa Pedro Saco, pensando nas persoas con hipersensibilidade acústica.
A organización da cabalgata inclúe tamén a posibilidade de participar como paxe dos Reis Magos. As persoas maiores de 12 anos aínda poden anotarse ata o 31 de decembro a través do correo electrónico cultura@sarria.gal, mentres que as crianzas menores desa idade poderán participar sempre que vaian acompañadas dunha persoa responsable.
Ademais, Melchor, Gaspar e Baltasar non se esquecerán do rural, xa que está previsto que tamén visiten distintas parroquias do municipio para achegar a maxia destas datas a todos os recunchos de Sarria. Os detalles deste percorrido anunciaranse proximamente.
Con esta programación, Sarria prepárase para vivir unha tarde chea de música, ilusión e soños cumpridos, mantendo viva unha tradición que cada ano reúne a centos de persoas arredor da maxia do Nadal.