Sarria programa actividades nos centros educativos para previr a violencia machista desde a infancia

O Concello de Sarria, a través da Concellería de Igualdade, organizou un programa de actividades nos centros educativos da localidade con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A iniciativa desenvolverase durante as próximas semanas e estará dirixida ao alumnado de diferentes etapas formativas, desde Educación Infantil ata Secundaria, coa implicación tamén do profesorado.
O obxectivo é proporcionar aos nenos, nenas e adolescentes ferramentas para identificar condutas discriminatorias, fomentar relacións sas baseadas no respecto e na igualdade e rexeitar calquera manifestación de violencia machista desde as aulas.
Entre as propostas figura a representación de "Golpes", da compañía aAntena, interpretada pola actriz Estíbaliz Veiga. Trátase dun monólogo dramático de concienciación contra a violencia de xénero e os mitos do amor romántico que se representará o martes 17 de novembro, en dúas sesións no salón de actos da Casa da Cultura. Participará o alumnado de 3º e 4º da ESO dos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, así como dos CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción e A Mercé.
O alumnado de Educación Infantil participará no obradoiro de educación en igualdade "O mundo de cores de Roque e Lía", impartido pola pedagoga viguesa Paula Suárez, autora da obra literaria infantil en galego. A actividade desenvolverase o mércores 18 de novembro no CEIP Frei Luís de Granada e no CPR Plurilingüe A Mercé, e o mércores 25 na EEI Xela Arias e no CEIP e CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción.
Pola súa banda, o alumnado de Educación Primaria contará cos talleres "Cociñando valores de igualdade", a cargo de Javier Carrón. A través da maxia, os xogos interactivos e as actividades creativas, o espectáculo busca transmitir valores relacionados coa igualdade e sensibilizar sobre a prevención da violencia de xénero. As sesións terán lugar o luns 23 de novembro no CEIP Frei Luís de Granada; o martes 24 no CEIP Antonio Fernández López de Oural e no CPR Plurilingüe A Mercé; e o mércores 25 no CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción e na EEI Xela Arias.
A programación completarase coa actividade de coeducación "Pegadas no tempo", da Axencia de Igualdade Larume, dirixida ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Trátase dunha charla gamificada na que os participantes deberán resolver enigmas de lóxica para descubrir como se orixinou a violencia de xénero ao longo da historia. Desenvolverase o luns 30 de novembro no IES Xograr Afonso Gómez; o martes 1 de decembro no CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción e no CPR Plurilingüe A Mercé; e o mércores 2 no IES Gregorio Fernández.
O acto institucional terá lugar o propio mércores 25 de novembro, ás 13:30 horas, diante do Concello de Sarria, coa lectura do manifesto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Desde a Concellería de Igualdade insisten na importancia de sumar esforzos na sensibilización, prevención e erradicación da violencia contra as mulleres desde a infancia e a mocidade. "Sementar a coeducación desde idades temperás é garantir unha sociedade que floreza máis xusta, libre e segura", sinalan.
A área municipal tamén destacou a implicación dos centros educativos e institutos, cuxa disposición e colaboración considera fundamentais para desenvolver o programa. Neste sentido, subliña que a educación é unha ferramenta esencial para previr a violencia contra as mulleres e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria para as xeracións actuais e futuras.