Sarria quenta motores para o IV Rally de Regularidade Vila de Sarria

O Club Clásicos Sarria presentou oficialmente o cartel da cuarta edición do Rally de Regularidade Vila de Sarria nun acto institucional no que estiveron presentes representantes do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, entidades que colaboran na posta en marcha desta cita automobilística.
A proba desenvolverase durante as xornadas do 8 e 9 de maio, mentres que o período de inscrición dará comezo o sábado 11 de abril. Desde a organización fan un chamamento aos afeccionados ao motor clásico para que reserven estas datas, co obxectivo de converter a vila nun punto de encontro para amantes deste tipo de vehículos.
O arranque do evento estará marcado pola apertura do parque pechado, situado no aparcadoiro do Campo do Río. Este espazo funcionará como punto de concentración dos coches participantes, que permanecerán expostos ao longo de toda a fin de semana, permitindo ao público contemplar de preto unha ampla variedade de modelos clásicos.
Aínda que o programa definitivo non está completamente definido, o club organizador xa avanzou que esta edición incorporará novidades relevantes con respecto a anos anteriores. Entre elas, destacan a inclusión de tramos nocturnos e a entrega de premios específicos en cada categoría. A competición estruturarase en tres modalidades: Pre80, con recoñecementos ata o décimo posto; Pre88, con premios ata o oitavo; e Pre96, que distinguirá aos seis primeiros clasificados.