Sarria recoñece a Eugenio López Quiroga, Cheno, como Fillo Predilecto a título póstumo

Eugenio López Quiroga, coñecido por todos como Cheno, é xa formalmente Fillo Predilecto de Sarria a título póstumo. O salón de plenos do Concello acolleu este sábado o acto institucional de recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao progreso do municipio, nunha homenaxe que reuniu a numerosos veciños e na que foi necesario ocupar de pé parte dos accesos ao espazo.
O acto contou tamén coa participación da Banda de Sarria, que puxo a banda sonora á homenaxe e interpretou, entre outras pezas, o Himno de Galicia. O recoñecemento culminou así cunha lembranza colectiva a un sarriao que, segundo destacou o Concello, contribuíu ao desenvolvemento da vila sen perder nunca o vínculo coa súa terra.
Formado como enxeñeiro aeronáutico, López Quiroga foi conselleiro de Inelcom ata 2013 e tivo un papel destacado na instalación dunha das sedes desta empresa de contact center en Sarria no ano 2005. A chegada da compañía supuxo a creación de numerosos postos de traballo e actualmente preto de 300 persoas traballan nas súas instalacións na vila.
O expediente para o nomeamento como Fillo Predilecto, instruído pola concelleira Reyes Abella, recolle a súa contribución ao desenvolvemento económico de Sarria e o seu compromiso coa localidade. Pero o recoñecemento foi tamén máis alá da súa traxectoria profesional, destacando o vínculo persoal que mantivo coa vila, coa súa xente e coas súas raíces.
O alcalde, Claudio Garrido, asegurou que "hoxe por fin Sarria paga unha débeda, que debería haberse producido, para ser xustos, en vida de Cheno". Garrido definiu a López Quiroga como unha figura "clave" para o municipio, tanto polo seu "empeño" para conseguir que Inelcom se asentase en Sarria como pola súa implicación coa historia e as tradicións locais.
Neste sentido, o rexedor destacou que Cheno foi "o mellor representante de todo o relacionado coa súa historia, as súas tradicións, os seus personaxes e anécdotas", poñendo así en valor unha faceta que transcendeu o ámbito empresarial.