Sarria reivindica a diversidade e a liberdade sexual na celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

Co gallo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se conmemora cada 28 de xuño desde o ano 1970, o Concello de Sarria sumouse un ano máis á celebración e á defensa do dereito das persoas a vivir a súa sexualidade en liberdade, así como á promoción e respecto da diversidade sexual.
Dentro dos actos previstos, mañá, 26 de xuño, ás 13:30 horas, a Praza da Constitución acollerá a lectura dun manifesto institucional a cargo da concelleira de Políticas Sociais e Igualdade, Ana Isabel Vergara. A iniciativa desenvolverase baixo a lema: “Por unha Sarria diversa, pero igual!”.
Desde o Concello tamén se puxo en valor a importancia dos recursos de apoio e atención destinados ao colectivo LGTBIQ+. Neste sentido, lembraron a existencia do Servizo 028 Arco da Vella, un recurso de atención telefónica que ofrece información, asesoramento xurídico e atención psicosocial especializada e inmediata ante calquera situación relacionada coa LGTBIfobia.
Este servizo está dirixido tanto ás persoas LGTBI como ás persoas do seu entorno e ofrece asistencia gratuíta as 24 horas do día, os 365 días do ano.