Sarria reivindica a educación en igualdade e chama a non dar pasos atrás contra a violencia machista

SarriaXa
O Concello trasladou o seu compromiso coa prevención, o acompañamento ás vítimas e a defensa dos dereitos das mulleres baixo o lema "Sementa, florece, plántate contra a violencia de xénero"
lectura-manifesto-25N-Sarria-26
26 Nov 2026

O Concello de Sarria sumouse á conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha mensaxe de compromiso coa igualdade e a loita contra as violencias machistas baixo o lema "Sementa, florece, plántate contra a violencia de xénero".

A través desta campaña, o goberno local reivindicou a importancia de seguir promovendo a educación en igualdade, acompañar as mulleres para que poidan vivir en liberdade e sen medo e manter unha posición firme desde as institucións ata conseguir unha sociedade libre de violencia contra as mulleres.

O Concello tamén defendeu a necesidade de protexer os dereitos conquistados e evitar retrocesos nas políticas públicas de igualdade e prevención. Neste sentido, expresou o seu rexeitamento ao negacionismo que banaliza a violencia de xénero, á violencia vicaria e a calquera outra forma de violencia que atente contra a liberdade e a intimidade de mulleres e nenas.

"Cada avance salva vidas; cada retroceso pona en risco!", advertiu a institución municipal, que pechou a súa mensaxe cun chamamento colectivo: "Por elas, por todas nós! Hoxe e sempre, nin unha menos, nin un paso atrás!".

0.18096017837524