Sonia Arias achega a poesía ao alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela

A escritora paradelense Sonia Arias impartiu un obradoiro de poesía no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, unha iniciativa coa que achegou a creación literaria aos máis pequenos a través dunha actividade dinámica e participativa. Ademais, o Concello adquiriu exemplares do libro 'Antes pasábase por aquí', da autora, para entregar ao alumnado do centro.
Este é o quinto colexio que visita Arias con esta proposta, unha experiencia coa que asegura estar "encantada". A autora destacou a motivación dos nenos e nenas e agradeceu o traballo do profesorado, así como as posibilidades que ofrecen os centros con poucos alumnos para desenvolver actividades máis próximas e centradas en cada escolar.
O obradoiro combinou diferentes actividades para manter a atención e fomentar a participación. A través da poesía, o alumnado traballou as emocións que se agochan detrás da creación literaria, os aspectos lingüísticos e valores como a superación persoal e dos medos. A sesión rematou coa elaboración dunha poesía colectiva.
Arias agradeceu a colaboración dos centros educativos que apostan por este tipo de iniciativas para espallar a cultura e os valores educativos. Tamén puxo en valor a creatividade dos escolares, que considera fundamental neste tipo de experiencias.