Toponimízate 2026 levará a recuperación dos nomes tradicionais a doce concellos galegos

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A campaña percorrerá Galicia entre abril e outubro con charlas para implicar á veciñanza na protección da toponimia
Toponimizate-2026
21 Apr 2026

A campaña de divulgación Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra regresará cunha nova edición centrada no ámbito local, visitando doce concellos das catro provincias co propósito de reforzar o coñecemento, a recolla e a conservación dos nomes tradicionais do territorio.

A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, busca ampliar a participación cidadá na plataforma colaborativa Galicia Nomeada, que xa suma máis de 4.300 persoas colaboradoras e preto de 110.000 microtopónimos rexistrados.

O calendario arrancará este mes de abril en Moraña, que abrirá a campaña o mércores 22 cunha sesión no Multiúsos a partir das 11:00 horas, na que tamén participará o CPI Santa Lucía. Tras esta primeira cita, o programa continuará nos meses de maio e xuño con paradas en Poio, o sábado 9 de maio ás 11:00 horas na Escola do Campo de Combarro; Xunqueira de Ambía, o venres 22 de maio ás 19:00 horas nas Escolas Vellas; Valdoviño, o venres 29 de maio ás 19:30 horas na Casa da Cultura; Betanzos, o venres 5 de xuño ás 19:30 horas no salón azul do Arquivo Municipal; e Baleira, o venres 26 de xuño ás 19:00 horas no Centro Sociocultural do Cádavo.

Tras a pausa do verán, a campaña retomará o seu percorrido en agosto e setembro con novas sesións en Quiroga, o venres 28 de agosto ás 19:00 horas na Casa da Cultura; Paradela, o venres 4 de setembro ás 19:30 horas no Centro Sociocultural Manuel Oreste; O Pereiro de Aguiar, o venres 11 de setembro ás 19:30 horas no Centro de Maiores dos Gozos; e O Bolo, o venres 25 de setembro ás 19:00 horas na sala coworking da Antiga Casa Cuartel. Xa en outubro, visitará As Neves o venres 2 ás 20:00 horas no Mercado das Neves e pechará o seu percorrido en Boimorto o venres 9 de outubro ás 11:00 horas na Casa da Cultura, nun encontro que reunirá alumnado do CPI Armando Cotarelo Valledor e persoas usuarias do Centro de Maiores do municipio.

A campaña foi presentada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nun acto no que participaron representantes da Real Academia Galega e da Xunta, quen puxeron en valor o papel dos concellos e da cidadanía na protección deste patrimonio inmaterial. O presidente da institución académica, Henrique Monteagudo, destacou que a iniciativa non só contribúe a preservar a riqueza histórica e cultural da toponimia, senón tamén a fortalecer o vínculo da poboación coa súa contorna. Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou a importancia da implicación social na conservación destes nomes, lembrando que a colaboración cidadá foi fundamental na recente actualización do Nomenclátor de Galicia.

Con esta nova edición, Toponimízate pretende seguir avanzando na recuperación da memoria colectiva asociada aos nomes de lugar, reforzando o papel dos concellos como espazos clave para garantir a transmisión e salvagarda deste legado.

0.11369800567627