Triacastela abrirá en outubro unhas clases de inglés dirixidas ás persoas maiores

O Concello de Triacastela abriu o prazo de inscrición para participar nunhas novas clases de inglés destinadas ás persoas maiores do municipio, unha iniciativa que comezará a impartirse a partir do mes de outubro e que será desenvolvida por unha veciña estranxeira afincada na localidade.
A formación organizarase en grupos reducidos de ata catro persoas, configurados segundo o nivel de coñecementos dos participantes para favorecer unha aprendizaxe máis personalizada.
Cada sesión terá unha duración dunha hora e, de forma provisional, desenvolverase os luns ou os mércores. O horario adaptarase, na medida do posible, ás necesidades dos distintos grupos. O prezo será de 12 euros por hora e persoa.
As clases impartiranse nas instalacións da Fonte do Lunar e as persoas interesadas en participar poden formalizar xa a súa inscrición no Concello de Triacastela.