Triacastela acollerá unha charla divulgativa sobre a eclipse total de Sol do 12 de agosto

O Concello de Triacastela organizará este domingo 9 de agosto unha charla divulgativa centrada na eclipse total de Sol que poderá observarse o vindeiro 12 de agosto e que converterá Galicia nun dos mellores lugares de Europa para contemplar este fenómeno astronómico.
A actividade, titulada Baixo a sombra da eclipse total, celebrarase entre as 16:00 e as 17:30 horas nas dependencias municipais situadas na Praza Deputación, número 1. A entrada será libre ata completar a capacidade do espazo.
A sesión estará impartida por Begoña E. Brao e Antonio P. Pérez, monitores Starlight e divulgadores astronómicos especializados, que ofrecerán explicacións sobre as características da eclipse, a súa observación segura e a importancia científica e social dun acontecemento que atraerá a milleiros de persoas a distintos puntos de Galicia.
Durante a charla, os asistentes poderán coñecer como se produce unha eclipse total de Sol, as condicións necesarias para a súa observación e os aspectos máis destacados do fenómeno previsto para o próximo 12 de agosto.
A iniciativa conta coa colaboración da Deputación de Lugo e pretende achegar a astronomía á cidadanía, ao tempo que contribúe a divulgar un dos acontecementos astronómicos máis relevantes das últimas décadas na comunidade galega.