Triacastela celebra a súa feira de artesanía cun pregón protagonizado polo alumnado do CEIP Eduardo Cela

Triacastela celebrou este sábado a XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona, unha cita dedicada á promoción da artesanía, a gastronomía e os produtos locais que tivo como protagonistas do pregón os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela.
Os 19 alumnos e alumnas do centro realizaron unha lectura coral baixo o título ‘O tesouro de Triacastela’, na que percorreron a historia e a identidade do municipio a través do relato de dous nenos da vila que emprenden a procura dun tesouro agochado.
Na súa viaxe, os protagonistas achegáronse a diferentes aldeas do Concello, entre elas Santalla de Alfoz, A Balsa, Cancelo, Lamas, Santa María do Monte, Toldaos e Vilavella, ata regresar á escola. Foi alí onde descubriron que o verdadeiro tesouro estaba nas persoas, tanto nas que formaron parte da historia do municipio como nas que viven nel actualmente e nas xeracións que están por vir.
O alumnado reivindicou tamén o valor da feira como espazo de encontro e de transmisión da cultura local. “É un día para celebrar, para encontrarnos. Para coñecer os produtos da nosa terra. Para valorar o traballo das persoas que manteñen vivos os nosos oficios e tradicións”, sinalaron no seu pregón.
Os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela reivindicaron ademais o papel das novas xeracións na conservación deste legado. “Queremos ser parte desa tradición, recibindo o legado dos que estiveron antes, aceptándoo e coidándoo”, afirmaron, lembrando tamén a ‘Sementeira’ de Fuxan os Ventos para destacar a importancia de manter vivo un territorio a través das súas persoas e da súa cultura.
A Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela está promovida polas Asociacións de Mulleres Rurais de Triacastela e pola Asociación de Artesás do Telar ARTELAR, en colaboración co Concello de Triacastela. A cita serve como punto de encontro para artesáns, produtores e visitantes e permite dar visibilidade aos produtos e oficios tradicionais da contorna.
A apertura dos postos tivo lugar ás 11.00 horas. Paralelamente, Fonte do Lunar acolleu a inauguración da exposición de pintura e gravado ‘Oribio’, da artista triacastelá Ana Carballo Balboa, que permaneceu aberta ao público ata as 20.00 horas.
A literatura tamén tivo presenza na programación. Na Biblioteca Camilo José Cela presentouse ás 11.30 horas o libro ‘Cuando el Camino mata’, de Pepe Gómez Sandes, mentres que ás 12.00 horas se deu a coñecer ‘Entre néboas e raiolas de luz’, da escritora triacastelá Yolanda Carballo Bahhaj.
Os oficios tradicionais ocuparon igualmente un espazo destacado, cunha demostración de forxa e ferrería a cargo de Jorge Eiroa Forxa e Ferrería na Ferrería da Ponte. A programación incluíu tamén un obradoiro de serigrafía sobre soporte téxtil con Peixesapop.
A proposta artesanal completouse cunha actividade de arte floral centrada na elaboración de coroas de outono, cestas de flores secas e ramos. No apartado gastronómico houbo unha degustación de produtos galegos e postos de polbo.
A animación musical polas rúas correu a cargo da Charanga Louband, acompañada polas tocadoras de pandeira da Asociación Cultural Son de Cores de Becerreá. Como peche da xornada estaba previsto un concerto de Antonio Barros ás 19.00 horas.