Triacastela impulsa actividades de verán con ludoteca e cursos de natación para a rapazada

O Concello de Triacastela vén de abrir o prazo de inscrición para participar na ludoteca de verán e nos cursos de natación destinados ao público infantil, dúas propostas que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e ofrecer alternativas de lecer educativo durante o período estival.
Ambas actividades contan cun total de 20 prazas cada unha, establecéndose unha orde de prioridade que dará preferencia ao alumnado escolarizado no CEIP Eduardo Cela Vila, seguido das persoas empadroadas no municipio e, finalmente, do resto de solicitantes ata completar as prazas dispoñibles.
A ludoteca desenvolverase en horario de 09.30 a 14.00 horas e contará cun prezo de 25 euros por neno ou nena ao mes, ofrecendo actividades lúdicas e educativas adaptadas ás distintas idades.
Pola súa banda, os cursos de natación terán lugar na piscina de Sarria, con saída desde Triacastela ás 11.45 horas. O prezo establecido é de 26,61 euros por mes completo ou 13,34 euros por quincena, aplicándose ademais descontos no caso de inscrición de segundos irmáns.
Desde o Concello destacan que estas iniciativas buscan facilitar a conciliación das familias durante o verán, ao tempo que promoven hábitos saudables, a convivencia e o desenvolvemento das habilidades acuáticas entre a rapazada.