Triacastela recupera un forno histórico tras case 70 anos sen uso nun proxecto artístico e comunitario

SarriaXa
A Casa de Eirexavella acolleu durante a fin de semana actividades interxeracionais dentro da iniciativa cultural ‘Trazas Vivas’
Trazas-Vivas-Triacastela
3 Aug 2026

A Casa de Eirexavella, en Triacastela, converteuse esta fin de semana no epicentro do proxecto de arte colaborativa O Banquete dos Paxaros, unha proposta impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) dentro do programa Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño.

A iniciativa reuniu veciñanza, peregrinos e visitantes arredor dunha serie de actividades participativas dirixidas pola artista e investigadora Silvia García, que propón reflexionar sobre a relación entre comunidade, paisaxe e patrimonio cultural a través da creación compartida.

Un dos momentos máis destacados da programación tivo lugar o sábado coa recuperación do antigo forno da Casa de Eirexavella, que volveu acenderse despois de permanecer preto de sete décadas sen utilizarse. Durante a actividade, os participantes elaboraron letras de pan que posteriormente foron cocidas no propio forno, nunha experiencia que serviu tamén para recuperar recordos e vivencias vinculadas ao uso tradicional destes espazos comunitarios.

A programación continuou o domingo cun obradoiro de la e feltrado no que participaron principalmente veciñas maiores de Triacastela, acompañadas por peregrinos e familias. As asistentes achegaron ferramentas e pezas elaboradas décadas atrás, convertendo a actividade nun espazo de intercambio de coñecementos e transmisión de saberes entre xeracións.

O proxecto concluirá este luns cunha xornada de portas abertas na que os asistentes poderán coñecer o traballo desenvolvido durante os últimos días. A iniciativa rematará cunha merenda compartida na propia Casa de Eirexavella.

A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Olga Iglesias, destacou que este tipo de accións contribúen a reforzar a participación cidadá e a poñer en valor o patrimonio material e inmaterial ligado ao territorio e ao Camiño de Santiago.

Trazas Vivas: Arte, Comunidade e Camiño conta co apoio do Ministerio de Cultura a través da convocatoria de proxectos culturais con impacto social e busca crear experiencias participativas que deixen unha pegada duradeira nas comunidades vinculadas ás rutas xacobeas.

0.11578893661499