Triacastela reivindica o seu "tesouro" na XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona

SarriaXa
O alumnado do CEIP Eduardo Cela protagonizou o discurso inaugural dunha xornada con artesanía, produtos locais, música, presentacións literarias e homenaxes
Feira-Artesanía-Triacastela-26
27 Sep 2026

A XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela reuniu na vila artesanía, produtos locais e diferentes actividades nunha xornada marcada polo ambiente festivo e pola posta en valor do municipio e das súas tradicións. Entre os momentos máis destacados estivo a participación do alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, encargado de ofrecer o discurso inaugural baixo o título "O tesouro de Triacastela".

Os 19 nenos e nenas do centro realizaron unha lectura coral na que narraron a historia de dous pequenos veciños da vila que emprenden a procura dun tesouro agochado. Ao longo da súa aventura percorren diferentes aldeas do municipio, entre elas Santalla de Alfoz, A Balsa, Cancelo, Lamas, Santa María do Monte, Toldaos e Vilavella, ata regresar á escola, onde descobren que o verdadeiro tesouro de Triacastela está nas súas persoas, tanto nas que xa estiveron como nas que viven actualmente e nas que virán no futuro.

No seu discurso, o alumnado reivindicou tamén o valor da feira como un espazo para coñecer os produtos da terra e recoñecer o traballo das persoas que manteñen vivos os oficios e tradicións locais. "Detrás de cada produto hai unha historia, unhas mans... unha persoa que mantén viva a tradición", sinalaron, ao tempo que expresaron o seu desexo de formar parte dese legado e coidalo para as próximas xeracións.

A programación incluíu tamén a actuación da Louband e outras propostas destinadas a dinamizar a xornada. Ademais, a veciña Yolanda Carballo presentou na Biblioteca Camilo José Cela o seu libro "Entre néboas e raiolas de luz", mentres que este mesmo espazo acolleu a presentación da novela "Cuando el Camino mata", de Pepe López Sandes. A organización da feira aproveitou tamén a xornada para realizar unha homenaxe a Pili, á que trasladou os seus mellores desexos para unha pronta recuperación.

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, acompañada polo director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo resto de autoridades asistentes, realizou un percorrido polos postos participantes. A feira permitiu así reunir ao longo da mañá veciñanza e visitantes arredor da artesanía, os produtos da zona e a cultura local.

0.1490170955658