Un seminario analiza en Samos como a conservación da natureza pode contribuír a previr grandes incendios

SarriaXa
A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza o 28 de novembro no Monte de Toca unha xornada sobre os efectos do lume, o abandono agrario e as oportunidades de desenvolvemento rural sostible
Asociación-Galega-de-Territorio-Monte-de-Toca-Samos
24 Nov 2026

O impacto dos incendios forestais nos espazos de alto valor natural e as alternativas para construír territorios rurais máis resilientes centran o seminario que a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) organiza o sábado 28 de novembro no Monte de Toca, en Samos. A xornada desenvolverase aproximadamente entre as 10:00 e as 14:15 horas na antiga Biblioteca de Samos.

O encontro aborda as consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas dos incendios nun contexto de cambio global, así como a transformación da paisaxe rural e o abandono da actividade agraria. Entre as cuestións que se poñerán sobre a mesa figura o papel da gandería extensiva e doutras prácticas tradicionais sostibles na conservación da biodiversidade, no mantemento de hábitats en mosaico e na redución do risco de grandes lumes.

A iniciativa tamén busca identificar oportunidades de desenvolvemento rural vinculadas á conservación da natureza, á valorización dos recursos locais e ao impulso de modelos produtivos sostibles. Está dirixida principalmente á poboación do territorio, pero tamén a profesionais da xestión ambiental e forestal, do sector primario, da investigación e das administracións públicas, así como á cidadanía interesada no futuro do medio rural.

O programa comeza ás 10:00 horas coa recepción das persoas participantes e a apertura do encontro. Ás 10:15 horas, Cruz Vermella e a AGCT presentan a iniciativa "Comprometidos co Monte de Toca: participación social e conservación do territorio". A continuación, ás 10:30 horas, Alba Geada e Mar Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, analizan os cambios territoriais desde mediados do século XX e as novas dinámicas socioambientais.

Ás 11:30 horas, Boris Hinojo, de 3edata, aborda os novos mecanismos de valorización da natureza en montes de alto valor ambiental. Tras unha pausa para o café ás 12:15 horas, a programación retómase ás 12:45 horas cunha mesa redonda titulada "Xente a favor do territorio e fronte aos lumes: experiencias locais en primeira persoa".

A xornada forma parte das actividades que a AGCT desenvolve no Monte de Toca a través dun convenio coa Cruz Vermella para dar a coñecer o valor natural deste espazo e promover modelos de xestión territorial que compatibilicen a conservación da biodiversidade co desenvolvemento das comunidades rurais.

0.11578583717346