Unha xornada en Láncara aborda as dificultades das vítimas de violencia machista no rural

A prevención da violencia de xénero e a atención ás vítimas no medio rural centrou unha xornada celebrada na Pobra de San Xiao, no municipio de Láncara, coa participación da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López. Baixo o título "Construíndo redes de apoio no ámbito rural para mulleres e familias", o encontro analizou os obstáculos que poden dificultar que as mulleres que sofren violencia pidan axuda.
Durante a súa intervención, López sinalou que vivir nunha contorna rural pode engadir dificultades, como a distancia aos servizos especializados, a falta de transporte, a dependencia económica ou o temor a que se coñeza a situación persoal. Ante esta realidade, defendeu que todas as vítimas deben poder acceder aos recursos de atención e protección, con independencia do lugar no que vivan.
A subdelegada tamén puxo en valor o traballo de Fademur para dar visibilidade ás necesidades das mulleres do rural e destacou a importancia de formar os profesionais que interveñen nestes casos. Ademais, reclamou unha resposta coordinada entre as administracións, os servizos sociais, o persoal sanitario, as Forzas e Corpos de Seguridade e as entidades sociais para ofrecer unha atención eficaz e respectuosa.
A protección da infancia foi outro dos asuntos abordados na xornada. López lembrou que os nenos e nenas que conviven con situacións de violencia de xénero tamén precisan atención e apoio específicos.
"Construír redes de apoio significa reducir a distancia que separa a unha persoa que sofre de alguén a quen se atreva a pedir axuda", afirmou. A subdelegada apelou á implicación colectiva para que "ningunha muller, viva onde viva, sinta que ten que afrontar soa unha situación de violencia".