Varios socios de La Unión acoden á vía xudicial para reclamar documentación da entidade

Varios socios da Sociedade La Unión presentaron unha solicitude de dilixencias preliminares ante o Tribunal de Instancia de Sarria co obxectivo de que se requira xudicialmente ao presidente da entidade a entrega de diversa documentación relacionada coa súa xestión económica e administrativa correspondente aos anos 2021 a 2025.
Entre a documentación solicitada figuran as contas da sociedade, as actas das asembleas xerais e das xuntas directivas, os xustificantes dos investimentos realizados, os extractos bancarios, as cotas hipotecarias e outros documentos vinculados ao funcionamento e á administración da entidade.
Segundo indican os socios promotores da iniciativa, esta actuación xudicial prodúcese despois de realizar ata seis requirimentos mediante burofax para obter esa información. Tres dos escritos foron dirixidos á Sociedade La Unión e os outros tres ao seu presidente, vicepresidente e secretario, sen que, segundo afirman, recibisen resposta por parte dos responsables da entidade.
Os solicitantes consideran que esta falta de contestación vulnera o dereito de información e de acceso á documentación recoñecido nos artigos 14.2 e 21 b) da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
Os socios explican que a documentación reclamada ten como finalidade exercer accións xudiciais para impugnar determinados acordos adoptados nas asembleas xerais, así como as contas da entidade, sen prexuízo doutras actuacións legais que poidan derivarse da información que finalmente sexa achegada.