Vilamaior acollerá unha charla aberta e gratuíta sobre Sistémica Cuántica Integral

SarriaXa
A Asociación de Crecemento Persoal e Saúde Natural de Sarria (ORA) organiza este encontro o venres 18 de decembro, de 18.00 a 20.00 horas
Imaxe recurso dun cerebro
18 Nov 2026

Vilamaior será escenario o venres 18 de decembro dunha charla aberta e gratuíta sobre Sistémica Cuántica Integral, unha proposta que aborda o benestar persoal desde unha perspectiva global e que se dará a coñecer a través dunha sesión informativa e demostrativa.

A actividade, organizada pola Asociación de Crecemento Persoal e Saúde Natural de Sarria, desenvolverase entre as 18.00 e as 20.00 horas e estará aberta a todas as persoas interesadas.

Durante a xornada explicarase o funcionamento desta técnica e a súa integración coa acupuntura para a dor. A metodoloxía presentada baséase na claridade interior, a sensibilidade, a percepción e a intuición, co obxectivo de abordar diferentes dificultades físicas, mentais e espirituais.

A charla tamén permitirá coñecer a súa proposta de traballo arredor dos oito principios básicos do benestar, que inclúen as finanzas, as relacións persoais, o benestar físico e emocional, o propósito vital, a carreira profesional e a saúde.

Ademais da explicación teórica, está prevista unha demostración en directo para amosar a aplicación práctica da técnica. A convocatoria pretende achegar esta metodoloxía á cidadanía e ofrecer un espazo no que as persoas asistentes poidan coñecer os seus fundamentos e resolver as súas dúbidas.

0.14617085456848