Volve a Festa da Malla a Láncara o 13 de agosto

SarriaXa
Explicamos todo o proceso da malla da man da Asociación Val de Láncara, que organiza a representación deste oficio tradicional desde hai máis de 20 anos.
Festa da Malla Láncara
11 Ago 2023

Explicamos todo o proceso da malla da man da Asociación Val de Láncara, que organiza a representación deste oficio tradicional desde hai máis de 20 anos.

A Asociación Cultura Val de Láncara organiza, outro ano máis, a Festa da Malla na parroquia de Láncara este vindeiro 13 de agosto, unha celebración que consiste na representación en directo de como se separa o grao de trigo da palla, así como inclúe exposicións de artesanía, maquinaria, vehículos e gastronomía.

Tras máis de 20 anos levando a cabo esta festa, desde a asociación defenden que continúan con esta tradición porque hai “moi boa aceptación” e porque “é importante que a xente máis nova aprenda dos que mallan e así se mantén vivo este oficio tradicional no que se implican todos os da asociación”, explican.

Este ano contan con gran cantidade de xente, xa que todos os anos contabilizan arredor de 100 persoas na comida popular que ten lugar ao mediodía, pero sobre 400 ao longo da xornada, que se achegan a ver a representación, a desfrutar da gastronomía ou a botar un ollo aos postos.

A MALLA

A representación da malla consiste en dar a coñecer á xente do pobo como se mallaba antes, que se facía en todas as casas, a diferenza de agora que xa non é necesario.

O día da representación, neste caso o 13 de agosto, desde as primeiras horas da mañá algúns membros da asociación estarán xa coa máquina de mallar ao lado da meda, que está formada por mollos, que son varios conxuntos de trigo atados polo centro e que se colocan de forma cónica e xuntando as espigas no centro para protexelo.

Os encargados de mallar, entón, poñen a funcionar a máquina de marca Campeva e van tirando os mollos sobre o mostrador, outra persoa cólleos, desátaos e pásaos a unha terceira persoa que os mete na máquina máis soltos. Esta máquina o que fai é separar o grao da palla, que cae un abaixo e o segundo por detrás.

O grao acumúlase en ‘culeiros’ e despois métense en sacos. Porén, o grao que sae, que non está limpo, ten que ser separado das espigas mediante unha técnica manual, normalmente exercida por unha muller á que se lle chama ‘cuañeira’, utilizando unha vasoira feita de ramas de arbusto sen follas, que permite separar ben o grao das espigas.

Con respecto á palla, esta vai saíndo pola parte traseira da máquina de mallar e varios homes van acumulando a palla e vanse facendo feixes de palla que logo se collen e se forma o palleiro que ten a mesma forma que a meda.

Despois desta representación, terá lugar a comida popular para todas as persoas asistentes na carballeira de Láncara sobre as 15.00 horas “porque a representación da malla empeza ás 10.00 e dura ata a 13.30 horas e despois sempre tomamos algo nos bares”, explican desde a asociación.

Ademais, durante a mañá e a representación, a Asociación Val de Láncara tamén actuará como grupo de música tradicional, así como haberá postos de mel, de chourizos, de gastronomía e algún de artesanía, e un concerto durante a tarde.

O PAN DA MALLA

Durante a comida na Festa da Malla haberá bolos de pan feitos trala malla do ano anterior e desde a asociación explícannos o proceso.

Despois de cada Festa da Malla, o grao que saíu da máquina de mallar gárdase dun ano para outro e, cando se achega o día da Festa da Malla, lévase ao muíño, onde se fai a fariña.

Así, pídeselle ao panadeiro e confianza da Asociación Cultural Val de Láncara que faga os bolos de pan, que se venderán nos postos da feira, así como se comerán na comida popular.

Con respecto á meda, uns días antes da propia representación, parte dos organizadores da Festa da Malla van tamén a segar o campo e fanse os mollos que van formar a meda que se ve no propio día da festa.

Despois, dous días máis tarde cárganse en remolques e lévanse ao prado da Veiga, onde se fai a malla. E repítese o proceso ano a ano.

Festa da Malla Láncara 8
Festa da Malla Láncara 3
Festa da Malla Láncara 4
0.17659187316895