A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Samos promove a II Feira da Castaña o vindeiro 1 de novembro

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Samos organiza a II Feira da Castaña, que se celebrará o vindeiro 1 de novembro de 2026 en Samos, cunha programación que reunirá gastronomía, tradición e promoción dos produtos da comarca.
A cita pretende converterse nun punto de encontro para veciños e visitantes, ofrecendo unha oportunidade para descubrir e degustar os produtos da zona, apoiar o comercio de proximidade e desfrutar dunha xornada arredor da castaña, un dos produtos máis representativos do outono galego.
A programación comezará ás 13.00 horas cun servizo de polbeira e polbo á feira para o xantar. Durante toda a tarde, o público poderá visitar os postos de venda de produtos locais, entre os que se atoparán embutidos, mel, biscoitos e castañas, ademais de participar nas diferentes actividades previstas.
Entre as propostas da xornada figura tamén a actividade 'Vive o Samaín', organizada pola ANPA de Samos, que terá lugar de 17.00 a 20.30 horas.
A música tradicional terá un papel destacado a partir das 18.00 horas, coas actuacións dos Cantareiros Cantigas e Frores, de Lugo; Por Vir 'Catareiras de Peleriños', de Sarria; e Son do Iandra 'Sureños', de Lugo, que achegarán o ambiente festivo e a tradición musical galega á celebración.
Como peche da xornada, ás 20.30 horas celebrarase unha degustación de castañas e produtos da zona, acompañada de viño novo da Ribeira Sacra.
Ademais da súa vertente gastronómica e cultural, a feira busca dar visibilidade ao traballo dos produtores locais, fortalecer o tecido comercial e empresarial de Samos e contribuír á promoción turística e económica do municipio.
Desde a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Samos convídase á veciñanza e a todas as persoas que visiten a zona a participar nesta segunda edición e a desfrutar dunha xornada que reivindica os sabores, os produtos e as tradicións do territorio.