A Ermida de San Marco acollerá o Esmorga Total para seguir a eclipse total de Sol

SarriaXa
O evento celebrarase o 12 de agosto en Biville e reunirá concertos, propostas infantís, zona gastronómica e a observación colectiva do fenómeno astronómico
Ermita-de-San-Marco-Sarria
11 Aug 2026

A Ermida de San Marco, en Biville (Sarria), converterase este 12 de agosto nun dos escenarios para seguir a eclipse total de Sol grazas á celebración do Esmorga Total, unha nova proposta impulsada polos organizadores do Esmorga Fest que combinará música en directo, actividades para todos os públicos e a observación deste fenómeno astronómico.

A xornada desenvolverase con entrada totalmente gratuíta e arrancará ao mediodía para prolongarse durante toda a tarde e a noite nun ambiente festivo e de convivencia. Ademais da observación da eclipse, o programa inclúe concertos, actividades infantís e unha zona gastronómica pensada para complementar a experiencia.

A programación musical comezará ás 14.00 horas coa actuación de Meigas e Trasgos. Media hora máis tarde, ás 14.30 horas, será a quenda de Peleriños. Xa pola tarde, Axeigo subirá ao escenario ás 16.00 horas, mentres que Peitoescuro actuará ás 17.15 horas. A cantante Eris Mackenzie ofrecerá o seu concerto ás 18.15 horas.

O momento central da xornada chegará ás 19.30 horas coa observación da eclipse total de Sol, un dos acontecementos astronómicos máis destacados do ano. A programación continuará pola noite coa actuación de Axiom Band, prevista para as 21.30 horas.

Durante toda a xornada haberá tamén actividades dirixidas á infancia e unha zona gastronómica para o público asistente.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Sarria, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e nace co obxectivo de converter a observación da eclipse nunha experiencia colectiva na que se unan cultura, música e divulgación científica.

0.11842203140259