Claudio Garrido insiste: "O matadoiro supón unhas perdas anuais duns 200.000 euros para o Concello de Sarria"

O goberno de Camiña Sarria, liderado polo alcalde, Claudio Garrido, contesta á oposición trala rolda de prensa de onte, martes 17 de novembro, defendendo que a apertura do matadoiro "debe ir acompañada dun cambio no modelo de xestión para evitar que siga xerando perdas económicas". Garrido sostén que non se trata de pechar o servizo, senón de garantir a súa continuidade cunha fórmula que non obrigue os veciños a asumir o déficit.
Segundo explica o executivo local, o matadoiro permanece parado pola avaría do sistema que atorda os porcos antes do sacrificio. Trátase dunha máquina instalada en 2004 que non ten reparación e que debe ser substituída, xa que sen ela a normativa non permite realizar sacrificios. A adquisición dun novo equipo custaría uns 250.000 euros, aos que habería que engadir as obras necesarias para a súa instalación.
Porén, Camiña Sarria pon o foco no custo anual do servizo. Segundo os seus datos, o Concello cobra un euro por cada tres que custa realizar o sacrificio dun animal, polo que os dous euros restantes son asumidos con fondos públicos. Isto supón unhas perdas anuais duns 200.000 euros, equivalentes a aproximadamente 15 euros por habitante, utilice ou non as instalacións.
"É como un bar que vende cada café a un euro cando preparalo lle custa tres. Podes comprarlle unha cafeteira nova, pero cada café que sirva seguirá perdendo dous euros. E cantos máis cafés sirva, máis perde. Iso non é salvar o matadoiro: é seguir pagando a diferenza co diñeiro de todos", exemplificou o alcalde en referencia á proposta da oposición de investir 250.000 euros para recuperar o servizo nas mesmas condicións.
A alternativa que defende o goberno municipal é unha xestión indirecta, mantendo a titularidade pública do edificio. Así, unha empresa, os propios carniceiros ou a Xunta poderían asumir o funcionamento das instalacións. O Concello asegura que xa ofreceu por escrito a posibilidade de establecer un convenio de xestión ou un alugueiro a custo cero, con apoio municipal para parte dos gastos de electricidade ou mantemento. A cambio, manteríanse os prezos fixados polo Concello.
"O papel do Concello é garantir que Sarria teña matadoiro e prezos xustos. Facelo funcionar cada día é traballo dos profesionais do sector. Así, o carniceiro paga o mesmo, o gandeiro ten matadoiro e o veciño deixa de pagar a perda", defendeu Garrido.
Camiña Sarria lembra tamén que o servizo recibe 50.000 euros anuais da Deputación e conta cun convenio de 30.000 euros coa Xunta, o que suma 80.000 euros en axudas. A formación considera que estas achegas deben poñerse en relación coa inversión necesaria para renovar a maquinaria e coas perdas anuais que xera a actividade.
Outro dos argumentos do executivo é o carácter comarcal do matadoiro. Garrido considera que, se presta servizo a toda a comarca, o seu financiamento non debería recaer exclusivamente nos veciños de Sarria. "Se é un servizo comarcal, que o asuman as administracións que teñen competencia sobre a comarca: a Deputación e a Xunta. Nós xa o propuxemos en 2024 e ninguén o recolleu", afirmou.
O alcalde tamén reivindicou os investimentos realizados durante o seu mandato e asegurou que entre 2019 e 2023 o Concello destinou 45.300 euros á caldeira do matadoiro, fronte aos 11.400 euros investidos nos oito anos anteriores.
"Queremos un matadoiro para os próximos vinte anos, non un burato para os próximos vinte anos", concluíu Garrido.