PSOE, BNG e PP únense en Sarria para forzar un pleno extraordinario sobre o futuro do matadoiro

SarriaXa
Os tres grupos da oposición, que suman maioría na Corporación, solicitan unha sesión monográfica para coñecer as causas do peche, reclamar a reapertura e esixir explicacións ao Goberno de Camiña Sarria
matadoiro-Sarria
17 Nov 2026

O Partido Popular, o PSOE e o BNG de Sarria uniron este martes 17 de novembro as súas forzas para reclamar a reapertura do matadoiro municipal, pechado desde o pasado mes de maio. Os tres grupos da oposición ofreceron unha rolda de prensa conxunta para anunciar o rexistro dunha solicitude de pleno extraordinario e monográfico sobre o futuro destas instalacións, tras varios meses de protestas do sector gandeiro e cárnico e reunións co Goberno local de Camiña Sarria que, segundo sosteñen, non se traduciron nun compromiso real para recuperar o servizo.

A iniciativa conta co respaldo dos dez concelleiros do PP, PSOE e BNG, que suman maioría fronte ao Goberno municipal, que dispón dunha maioría simple pero non absoluta. Os grupos buscan así que a situación do matadoiro se aborde nunha sesión plenaria específica e que o Executivo local dea explicacións sobre a paralización da actividade e as medidas previstas para recuperar a infraestrutura.

A solicitude presentada no Concello inclúe dous asuntos na orde do día. O primeiro é que o Goberno municipal informe da situación actual do matadoiro, das causas que motivaron o peche, das actuacións realizadas desde entón e do grao de cumprimento dos acordos plenarios adoptados anteriormente para recuperar o servizo. O segundo consiste en instar o Executivo á reapertura das instalacións, garantindo a prestación tanto aos profesionais do sector cárnico como aos particulares e ás familias usuarias.

Os tres grupos tamén solicitan expresamente que o pleno se celebre no horario habitual das sesións ordinarias, co obxectivo de facilitar a asistencia da cidadanía e compatibilizar a convocatoria cos compromisos laborais.

Na exposición de motivos, os concelleiros consideran que o matadoiro é unha infraestrutura fundamental para a actividade económica e social de Sarria e da comarca, ao prestar servizo a empresas cárnicas, explotacións gandeiras, produtores locais e particulares. O peche está a obrigar profesionais e familias a buscar alternativas fóra do municipio, asumindo maiores desprazamentos, custos e dificultades.

A oposición advirte especialmente do prexuízo que a paralización está a causar durante a época das matanzas tradicionais, cando numerosas familias precisan utilizar estas instalacións. Ademais, defende que a continuidade do matadoiro é importante para manter a actividade económica, o emprego e o tecido produtivo vinculado ao sector primario.

Os promotores da solicitude lembran que o pleno municipal xa aprobou anteriormente iniciativas para impulsar a recuperación do servizo e consideran necesario comprobar o cumprimento deses acordos. A petición apóiase no artigo 46.2 da Lei reguladora das Bases do Réxime Local, que permite solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario á cuarta parte, polo menos, dos membros da Corporación e establece un prazo máximo de quince días hábiles para a súa celebración.

Efrén Castro: "O importante é que o matadoiro abra e que Sarria non perda servizos"

"Non é nada común que o BNG, o PSOE e o PP compartan reivindicacións e mesa, pero, dada a importancia do asunto e o preocupados que están o sector primario e toda a veciñanza polo peche do matadoiro, entendemos que era necesario". Así explica Efrén Castro, portavoz do BNG de Sarria, a iniciativa conxunta dos tres grupos da oposición para reclamar a recuperación do servizo municipal.

Castro considera que os argumentos do Goberno de Camiña Sarria para xustificar a situación non son suficientes. Lembra que o matadoiro leva arredor de 30 anos en funcionamento, dos que aproximadamente a metade coincidiron coa etapa na que o actual alcalde estivo á fronte do Concello. "As escusas non valen", sostén.

Para o BNG, a cuestión fundamental é garantir que o matadoiro estea aberto. O portavoz cuestiona que o Executivo alegue que o Concello non pode asumir a súa apertura, pero ao mesmo tempo contemple que os carniceiros poidan facerse cargo da instalación. Na súa opinión, o Goberno local decidiu pechar o servizo e está a facer todo o posible para mantelo nesa situación. Castro rexeita que se presente a disxuntiva entre unha xestión pública ou privada como motivo para interromper a actividade e defende que Sarria non debe perder servizos, senón mantelos e avanzar. Neste sentido, lembra que o Concello perdeu a subvención de 50.000 euros deste ano da Deputación de Lugo por mantelo pechado e que a Xunta ofreceu colaboración para realizar investimentos, pero que o Concello non fixo o necesario para aproveitar esa disposición.

O portavoz nacionalista tamén cuestiona o argumento de que os matadoiros municipais están a desaparecer para pasar a mans privadas. Asegura que aínda existen instalacións públicas e considera que, mesmo no caso de que se pretendese cambiar o modelo de xestión, iso non xustificaría o peche previo do servizo. "Se queres facer esa transición de público a privado, podes facelo, pero non pechalo", defende.

Castro explica que ese é precisamente o motivo polo que as tres formacións da oposición decidiron unir as súas reivindicacións: "Todos estamos de acordo en que non se pode pechar". Considera que a clausura está a funcionar como unha medida de presión que toma como reféns tanto os profesionais do sector cárnico e gandeiro como os veciños que utilizaban as instalacións para realizar as tradicionais matanzas.

Como solución, o BNG propón que o matadoiro abra ata maio e que o Goberno que resulte da situación actual presente unha proposta para garantir a súa continuidade. Por iso, as tres formacións asinaron o documento para esixir un pleno extraordinario para abordar esta cuestión.

0.14647507667542